PRÓXIMA EXPOSICIÓN: IDENTIDADES E LATEXOS (UNHA EXPSICIÓN DE PAULA NOYA)
Inauguración: xoves, 11 de setembro, ás 20:00 horas (Convite)
EXPOSICIÓN: IDENTIDADES E LATEXOS (UNHA EXPSICIÓN DE PAULA NOYA)
(do 11 de setembro ao 12 de outubro de 2014)
Refectorio do MPLugo
_____Horario de visitas
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta
Unha noite que podería durar para sempre
“One, two, three…If you close the door, the night could last forever
Keep the sunshine out and say hello to never
All the people are dancing and they’re havin such fun
I wish it could happen to me
but if you close the door, I’d never have to see the day again”
Lou Reed, After Hours, 1969
“Se cerras a porta, a noite podería durar para sempre”, canta a melancólica canción de Lou Reed coa que abrimos este texto. Non deixemos pasar a luz á habitación. Sigamos bailando na escuridade mentres a rúa se empeña no seu frenético ritmo. Non é só evasión o que buscamos, tamén introspección, mirar desde os ollos do espírito.
En Identidades e Latexos Paula Noya proponnos unha viaxe ás “súas identidades” sen cerrar un percorrido. Un camiño construído a base de intuicións e reflexións, no que os impulsos contan tanto como o razoamento. Paula escava na súa memoria sen desvelar, mantendo a distancia incómoda que caracteriza a súa obra e que tanto me interesa. Todo está aí sen impor nada: as paisaxes do corpo, os fitos biográficos abruptos, a escravitude das convencións sociais, o pudor do pensamento, o seu compromiso feminista, a xeografía dos seus soños…, pero nun acto de sutil xenerosidade preséntao modesto e espido para que sexamos nós os que xuntemos as pezas do puzle e o levemos a nós.
A exposición comeza con Retrato da miña avoa Inés (1985), realizado cando a artista tiña 15 anos, unha das primeiras obras que asinou co apelido da súa avoa “Noya” e que supón toda unha declaración de intencións, pois na súa obra a homenaxe ás mulleres que a impulsan cada día é unha constante silenciosa. Ese cadro/homenaxe a unha muller, que desde o anonimato familiar nos axuda, terá o seu broche no último proxecto da mostra,(Des)Memorias (2013-2014), un documental no que Paula leva traballando os últimos anos. O vídeo, en proceso, recolle os testemuños que comparten distintas traballadoras culturais sobre os seus referentes femininos e avoga pola necesidade de crear novas xenealoxías que recuperen o legado das mulleres. Con motivo desta mostra en Lugo, tamén se convocarán as mulleres interesadas para que nos conten cales foron as avoas, mais, profesoras, veciñas ou amigas que influíron na súa vocación e que, en moitos casos, permanecen anónimas.
O persoal tórnase comunitario e político en O vestido de noiva(2009). Sobre recortes do traxe nupcial da súa propia mai, Paula borda frases e refráns que educaron o imaxinario feminino da nosa infancia e adolescencia e que moldean as mulleres xeración tras xeración. Sen tomar partido, a artista deixa que o espectador reflexione e que valore estas consignas.
Igual distancia crítica se marca en vídeos como As Parcas (2010), onde o novelo de la percorre as estancias dunha vida feminina construída e programada en estadios: a parella, a maternidade a soidade.
Agudas construcións de Paula Noya sobre os afectos que tamén se recollen en Latexos (2010) e A ausencia imposible (2008), dúas obras nas que a autora declara a fraxilidade da vontade no feito amoroso propoñendo, máis alá dos tópicos do amor romántico, un sentir en liberdade aínda que traia consigo a soidade ou o sufrimento.
Entrando directamente nos temas de xénero, o tríptico que contén os vídeos Penélope II, Bon apetit e Como una rosa (2009) aborda o feminino desde distintas perspectivas críticas, como son o corpo da muller cosificado e medicalizado e a entrega cega e incondicional á parella, desde a espera e a resignación.
Outro punto central da mostra é a serie de debuxos e vídeoCegueiras (2011-2013). Diciamos que as súas obras invitan a vendarnos os ollos e adoptar unha cegueira elixida. Observar o noso interior. Revisar desde a distancia os anhelos ocultos. Seguindo un proceso similar ao da meditación esencial, observariamos sen xulgar os elementos que entran e saen da nosa mente desde a mirada atenta e en calma. Así deberemos afrontar esta mostra coma quen recolle anacos dunha ánfora rota de barro biográfico, social ou onírico, que non hai necesidade de reconstruír dunha soa maneira.
E esa necesidade de illamento e de entrega ao recollemento é a base da serie de colaxes Santa Teresa e as Metamor¬foses (2014), unha homenaxe á escritora Teresa de Ávila, ao seu universo de visións e de percepcións místicas que, de novo, alude á necesidade de construír unha identidade inte¬rior propia que dea fortaleza e crecemento á exterior.
“Si cerras a porta,
a noite podería durar eternamente,
Deixa fóra a luz do sol
e saúda a nada”
Lou Reed, After Hours, 1969
[Susana Blas, comisaria da exposición]
Enlaces de interese:
Convite inauguración
Comentarios
Publicar un comentario