Dende a Rede Museística Provincial de Lugo defendemos e apostamos por un concepto de “Museo e comunidade: un museo para todas e todos, entre todas e todos”, o que implica tomar conciencia de que traballamos e xestionamos cartos públicos e non podemos restrinxir o acceso á cultura, antes ben, temos o deber de amplificalo, acrecentar a capacidade da Rede de museos como espazo educativo e de investigación, para abrirnos a novos públicos, para crear redes de traballo con outras institucións e cos axentes artísticos, sociais e culturais do noso ámbito, nun entorno que debe ser totalmente descentralizado. Baixo este prisma traballamos cunha COMUNIDADE XEOGRÁFICA na que non existe un gran público maioritario, senón moitos públicos minoritarios diferenciados, con intereses, gustos e formacións distintos:

AS COMUNIDADES, A VOZ DA NOSA TERRA E AS SÚAS COMARCAS.
- A VOZ DE LEMOS. Unha comunidade ligada á nobreza pacega galega e ao traballo das súas terras. Neste entorno inxírese o Pazo de Tor, un museo da memoria, un museo da emoción, un museo onde ás persoas aínda lles é posible ler o espírito do lugar, non só os feitos históricos. Un museo auténtico, palpable orixinal.
- A VOZ DA TERRA CHÁ manifestada nun entorno rural cunha comunidade agraria e gandeira que atopa na colección do museo un tesouro do seu patrimonio cultural. O Museo San Paio de Narla, unha Fortaleza que non por elo inaccesible.
- A VOZ DA MARIÑA. Terra de mar, mariñeiros e redeiras quen atopan no Museo Provincial do Mar o seu mellor narrador, dende o seu nacemento como escola, e no que sempre existiu unha fonda implicación social. Isto mesmo foi o que convertiu á institución no primeiro museo do mar de Galicia de carácter público O museo constitúe un icono para a comarca e sobre todo para o pobo de San Cibrao, como elemento esencial da súa identidade.
- A VOZ DE LUGO fixo posible que nacera o Museo Provincial co fin de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense ata chegar a colección actual que se organiza en tres grandes seccións: Arqueoloxía, Etnografía e Belas Artes. Ábrese a unha comunidade urbana, educativa, artística, investigadora e asociativa que demanda e recibe unha respota ás súas inquedanzas e necesidades.
Comentarios
Publicar un comentario