Ir al contenido principal

CASTELAO NO MUSEO DE LUGO

PRÓXIMA EXPOSICIÓN: Castelao. A derradeira lección do mestre

Inauguración, mércores, 14 de abril, ás 20.00 horas (Do 14 de abril ao 10 de xullo de 2010).

Entrada gratuíta
__________Horario
Luns a venres: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Entrada gratuíta

Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade s/n
27001 Lugo
Tfno.: 982 242112
info@museolugo.org


__________A DERRADEIRA LECCIÓN DO MESTRE
No 7 de Xaneiro deste 2010 cumpríronse 60 anos da morte de Castelao. Esta Exposición a el dedicada quer, a pé feito, conxurar unha perniciosa parsimonia, non casual, a que nos leva a demorar de máis no coñecemento da nosa historia e, por tanto, a ignorármonos nós mesmos. O caso de CASTELAO (Galiza Rianxo, 1886 -Buenos Aires, 1950) é particularmente chamativo, porque se dá a circunstancia de que non só constitúe un precioso antecedente cultural e político, senón que o pensamento e a praxe por el elaborados están aínda lonxe de teren cumprimento na Terra a que serviu. Non está superado.
Entre o silencio e o ditirambo oco hai un camiño considerábel, o do coñecemento actualizado, a perspec-tiva realista e o dereito a orgullármonos da nosa propria historia, a comezar pola que nos significou de forma digna, non a que nos caricaturizou inclemente. Este necesario coñecemento de nós, este reencontro, é o que pretendemos con esta Exposición montada arredor da maior personalidade galega do século XX, Castelao. A importancia e a transcendencia da súa obra fan del un compatriota invulgar, porque aunou, en toda a súa actividade, múltiplas funcións artísticas e políticas, como debuxante, pintor, xornalista, carica¬turista, ilustrador, escritor, pensador e político nacionalista. Mais todas as faces deste poliedro tan fértil obedecen a unha mesma motivación e aspiración: a significación cultural e a representación política da Galiza como nación que debía ser coñecida e recoñecida como tal, tanto fóra como dentro dela mesma. Porque non abdicou nunca, en toda a súa vida adulta, dun duplo deber: a devolución aos galegos da súa historia e da súa cultura, e a proxección do universo galego en España e no mundo.
O período que privilexia esta Exposición correspóndese cos anos 1936-1950, anos todos en que o noso autor non puido poñer o pé na súa terra. Andou por múltiplos destinos, todos eles fisicamente fóra da Galiza e, porén, paradoxalmente, nunca estivo tanto na Galiza como neste período. Débese este aparente paradoxo a un esforzo da vontade, a un empeño da intelixencia e a un compromiso patriótico que a dis¬tancia física e as circunstancias terríbeis da política española e mundial non fan máis que agrandar: guerra civil española; 2ª Guerra Mundial; traizón das democracias occidentais para coa agonizante República española; fundación da ONU; constitución do Consello de Galiza; bifurcación inencontrábel do antigo galeguismo, o que mantén en pé os peares ideolóxico-políticos do nacionalismo de pre-guerra e o que os liquida. Estes dous pólos (representados por Castelao e por Piñeiro, respectivamente, e localizados en Arxentina e no interior) serven ben á tese de considerarmos unha outra división, diferente da habitual que se adoita sinalar entre a Galiza territorial e a da diáspora. Grazas a esta, dise, teríanse realizado grandes obras de interese galego que, en esaxerado corolario, autorizarían a reputar a emigración un ben para a Galiza. Contra este dualismo das dúas Galizas, separadas fisicamente por miles de quilómetros ou de millas, propomos unha outra divisoria: a de galegos que queren selo e exteriorizalo e orgúllanse da súa condición de tais, face a galegos que o son a desgosto, ancorados nun autodesprezo aínda non conxurado. E isto vale tanto para aquí, a Galiza territorial, como para a Galiza da emigración-exilio, en tantos lugares distantes do planeta. Tan é así, pensamos, que non por casualidade a maior obra de pensamento do século XX galego se titulará Sempre en Galiza (1944) e editarase, en Buenos Aires, mercé ao patriotismo e ao diñeiro de galegos emigrados, leais ao país, como, no XIX, acontecera con Follas Novas (1880), de Rosalía de Castro, en La Habana.
Da descomunal produción artística de Castelao (perto de 4.000 pezas ten catalogado Miguel-Anxo Seixas), esta Exposición, loxicamente, só oferece unha mínima parte, mais coidamos que expresiva do período de referencia, xunto con obra anterior para unha necesaria contextualización. Quixeramos que fose non un ponto de chegada, senón un ponto de partida, para animar ao coñecemento e desfrute dunha obra realmente admirábel en todos os sentidos, descoñecida aínda en grande parte e que precisa, por isto, dunha socialización acorde cos tempos.
É moito de agradecer, xa que logo, a boa disposición da Deputación de Lugo, da súa Vicepresidencia de Cultura, na persoa de Antón Bao, e de Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial, para a culminación
14
de todos os traballos conducentes á súa realización. Igualmente cordial é o noso agradecemento a todos os membros do Comité Científico e do Comité de Honra e ás institucións e organizacións colaboradoras por todo o apoio que nos brindaron. Mención especial merece o Museo de Pontevedra, e o seu director, Carlos Valle, pola cesión dunha grande parte dos fondos nel depositados, ao igual que Isaac Díaz Pardo, por todas as pezas que utilizamos do Museo Carlos Maside. Ficamos obrigados a Alfonso Paz-Andrade, Fernando Filgueira Iglesias, Xosé Carballude Blanco, Xosé Luís Bóveda, Eloi Artime e a todas as outras persoas e institucións prestadoras pola cesión desinteresada e xenerosa de obra de Castelao ou con el re-lacionada, así como a Xosé María Dobarro por permitirnos expoñer unha gaita que loce no seu broslado o escudo para Galiza deseñado polo artista en 1937.
É o noso interese que o catálogo da Exposición que a seguir figura teña unha utilidade que vaia máis aló da duración da mesma. Oxalá que poda servir para unha difusión e comprensión da vida e obra de Castelao á altura do seu valor e transcendencia. A tal aspiración serven os estudos e artigos nel incluídos, que se afilian ao afán de coñecemento e de interpretación, non á reverencia ou á rotina repetitiva e, moito menos, a unha pretensa desmitificación de quen, lamentabelmente, dista moito de ser debidamente coñecido e, moito menos, mitificado.
A derradeira lección do mestre...: non outro podería ser o título dunha Exposición sobre o noso autor neste comezo do século XXI. Supón non só homenaxe a unha vida e un traballo continuado de entrega inigualábel á patria galega, senón convite (por iso utilizamos os pontos suspensivos) a que prosiga no tempo actual e a que sexa realmente exemplar para nós, galegas e galegos de hoxe.

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO

Comentarios

Entradas populares de este blog

UN BERRO POLA LINGUA GALEGA- MEMORIA LETRAS GALEGAS 2009

Botella Ao Mar Domingo, 17 de maio de 2009: Día das Letras Galegas        Horario de apertura: De 11:00 a 14:00 horas “ Un museo cheo de libros ”. Para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado este ano a Ramón Piñeiro, a persoa visitante poderá levar para a súa casa un libro en galego (ata fin de existencias), un agasallo escollido   entre os fondos editados polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.          Contacontos 12:00 h: O espectáculo da palabra ,   por Cándido Pazó          Visita guiada 16:00 h:   Visita guiada para os integrantes do grupo “ Museos e turismo, unha viaxe polos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo ”        Luns, 18 de maio de 2009: Día Internacional dos Museos        Horario de apertura: De 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h  ...

Juegos infantiles en un cuadro de Brueghel por Remedios Torres

Juegos infantiles en un cuadro de Brueghel por Remedios Torres A partir del cuadro de Pieter Brueghel titulado “Juegos de niños” podemos realizar innumerables actividades muy gratificantes porque el juego siempre motiva a nuestros niños y niñas. Y sobre todo trabajamos la coeducación analizando críticamente el cuadro. Esta actividad se está llevando no sólo en Educación Infantil sino también en Primaria, porque se trata de una experiencia que “atrapa” a quien la conoce. Y además es muy positiva porque además incluye juegos y canciones del folclore infantil andaluz. Ese material popular que se va perdiendo poco a poco y que si no lo recuperamos y ponemos en práctica dentro de nada será historia. Y como bien decía el Doctor Pourtois el Folclore es el alma de cualquier tribu, pueblo o nación. No perdamos una parte de Andalucía. Palabras clave Juegos Popular Andalucía Coeducación Reparto de tareas Canciones Cuento Adivinanzas Imaginación...