“Pariuno o mar” “Pariuno o mar”, iso é o que dicían todos. Deixouno a marea na bazante envoltiño en olga coma se fora un novelo de la. De pequeno que era case non se vía, parecía unha mincha, pero oíase, abofé que si, ouveaba coma se o estivesen mazando a paus. O pobo en ristre acudiu a aquel reclamo, e para cando a xente toda chegou á praia non souberon que facer, ficaron alí parados, coa boca aberta dunha cuarta e os ollos aínda máis recachados pola incredulidade. Alí mesmo, ó seu carón, había un meniño pousado na area, louro e cuns enormes ollos azul mar, que miraba para eles con impaciencia, esixindo a súa atención cun enérxico batir de brazos e pernas. ¡Era un milagre! Tiña que selo, era imposible de todo que aquela criatura indefensa puidese sobrevivir a aquel temporal. Sen dúbida, era un milagre, porque aquilo escapaba a todo entendemento... E así foi como Xuxiño apareceu en Portomaior. Entre todos lle puxeron o nome (chamáronlle así por aquilo da milagre) e entre todos o cria...