A REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL DE LUGO convoca dous obradoiros no Museo Provincial do Mar para reflexionar sobre a desigualdade
O MPMar convoca dous obradoiros para reflexionar sobre a desigualdade
O departamento de Didáctica do Museo Provincial do Mar convoca dous obradoiros, un dirixido a adultos e outro a nenos e nenas, que teñen en común propostas para traballar e reflexionar sobre a desigualdade de xénero. Agora que se achega o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e que nos catros museos da Rede se poden visitar os 12 proxectos integrados en EU... TI... ELAS... NOSOUTRAS, NOSOUTRXS EN REDE’, convidamos a visitalos e a participar nestas actividades.
Obradoiro: Cal non é oficio da muller do mar?
Coa celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller preténdese dar visibilidade a desigualdade que no eido laboral existe entre homes e mulleres, á vez que reivindicar a igualdade de xénero e a equidade social.
A muller galega e a muller mariñeira tiveron sempre que levar o peso do traballo non remunerado pero imprescindible que supoñían as tarefas domésticas, o coidado de nenos e anciáns, da horta e o gando, a axuda nos labores do mar, xa fora facendo ou amañando redes, empatando anzois, cosendo velas, salgando peixe …
Valéndonos da impagable memoria dos membros do noso Club Sénior, buscaremos as palabras coas que a muller mariñeira mediaba no mar de traballos que desempeñaba, porémoslle nome a todos aqueles oficios que tiña que levar a cabo e acabaremos confeccionando un ramo de palabras coas que transparentar a oculta faciana do duro traballo no mar.
Data: 2 marzo.
Horario: de 16:30 a 18:00h.
Inscrición previa: departamento de Didáctica do MPMar.
Actividade encadrada no proxecto ’EU... TI... ELAS... NOSOUTRAS, NOSOUTRXS EN REDE’
Obradoiro: Traballando en igualdade
Concienciar xs máis novxs de que todxs somos iguais e temos os mesmos dereitos en todos os eidos da vida, pode ser un eixe fundamental para conseguir transformar o mundo e lograr unha sociedade na que triunfen a igualdade de xénero e a equidade social.
Cxs menbrxs do noso Club Pequeamig@s teceremos unhas pulseiras lilas coas que reivindicar o fin da desigualdade laboral entre homes e mulleres.
Data: 3 marzo.
Horario: de 11:30 a 13:00h.
Inscrición previa: departamento de Didáctica do MPMar.
Actividade encadrada no proxecto ’EU... TI... ELAS... NOSOUTRAS, NOSOUTRXS EN REDE’
+ INFO