De medo! O Samaín 2017 nos museos da Rede Museística
Os museos da Rede Museística da Deputación de Lugo súmanse, un ano máis, á celebración do Samaín, unha festa de raiceira popular cuxa orixe se perde no mundo celta precristián. O Samaín é a fin do verán e o comezo do tempo escuro que dá paso a un novo renacer, a preparación para o reinicio, canda o solsticio de inverno, dun novo ciclo produtivo. Por iso é tamén o tempo da comunicación cos mortos representados polos calacús, as castañas dos magostos e as cerimonias relixiosas de Santos e Defuntos. Agora que xa perdeu a transcendencia simbólica doutros tempos, o Samaín é unha festa na que grandes e cativos se divirten e recrean o que de estacional tiñan estas festividades nas sociedades agrarias e gandeiras que nos precederon. Disfrazámonos de pantasmas, confeccionamos cabazas con luces que representan os espíritos dos mortos e contamos historias que chaman polo medo.
PROGRAMA
Os museos da Rede convidan a celebrar o Samaín con este programa:
»Museo Provincial de Lugo
Sábado, 28 de outubro, de 11:00 a 13:00 h.
Obradoiro: Samaín no Museo
Comentaremos as orixes e prácticas como a do baleirado das cabazas. Elaboraremos disfraces e lucirémolos.
Dirixido a mozos e mozas entre 8 e 12 anos. Máximo, 15 asistentes, con inscrición previa.
Museo Provincial de Lugo. Tfno..: 982 24 23 00 / 982 24 21 12 / didactica@museolugo.org / gu ias@museolugo.org
»Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol)
Sábado, 28 de outubro, de 16:00 a 24:00 h.
Obradoiros e entretementos para familias en colaboración coa Asociación Castronela.
16:00.- Comezamos o baleirado de cabazas e o obradoiro “Entre lusco e fusco”, mademais de xogos, pintado de caras.
18:15.-Percorrido arredor da Fortaleza.
19:15.-Paseo das ánimas polo Camiño Real desde o museo ata o centro de Friol.
As actividades continuarán no Paseo Fluvial e no centro de Friol-zona da Ponte ata as 24:00 horas.
Museo Fortaleza de San Paio de Narla, Friol . Tfno..: 982 37 51 56 /sanpaiodenarla@museolugo.org
»Museo Provincial do Mar (San Cibrao, Cervo)
Sábado, 28 de outubro, ás 11:30 -13:30 h.
Obradoiro: Trasnadas de Samaín
Comentaremos as orixes celtas da actual festa, buscando as raíces de usos como o de baleirado das cabazas, disfraces de seres terroríficos ou pedir doces.
Dirixido a mozos e mozas do Club Pequemigxs (de 4 a 14 anos). Máximo, 15 asistentes, con inscrición previa.
Museo Provincial do Mar, San Cibrao, Cervo. Tfno.: 982 59 45 72 / museodomar@museolugo.org
»Museo Pazo de Tor (Monforte)
Sábado, 28 de outubro, de 11:00 a 13:00 h.
Obradoiros e entretementos para familias que consistirán na confección de velas e disfraces, e na práctica de xogos divertidos coas pantasmas do Samaín.
Museo Pazo de Tor, Monforte de Lemos. Tfno.: 982 165 534 / pazodetor@museolugo.org
As inscricións para as actividades que o precisan realizaranse no Museo onde se realizan.