Fotografía a cegas
Resulta imprescindible que os recursos culturais dun museo
estean ao alcance de todos os cidadáns para poñermos á súa disposición o
coñecemento e a formación que a arte ofrece. Facilitar a súa proxección
didáctica e conseguir que as obras sexan accesibles ao maior número de público,
aínda que posúan códigos de interpretación e de percepción moi diferentes é o noso
obxectivo: museos para todxs entre todxs.
Na Rede de Museos, a través do Departamento de Capacidades
Diferentes e Accesibilidade adscrito á Xerencia, vimos traballando xa noutra
fase nun proxecto de eliminación de barreiras dende o outro lado: ”as barreiras
que pon o persoal discapacitado” e tamén a súa adaptación ao posto de
traballo.
Para propiciar e potenciar ese achegamento e adaptar o
posto de traballo da nosa compañeira cega, a guía Angeles Míguelez, tivemos que
crear estratexias de achegamento das coleccións a todos. Con ela
decidimos que tiñamos que aproveitar o seu potencial e traballar os outros
sentidos e tamén traballar dende outras perspectivas (ademais da
linearidade formal e estilística). De cada peza … de cada colección, había que
incorporar novos recursos e adaptacións para que as experiencias sensoriais no
museo sirvan para adquirir un coñecemento mutuo cun contacto intenso e próximo.
A dominación da cultura visual ao longo da historia é evidente e
isto produciu unha forma moi concreta de relacionarnos coas obras de arte e de
extraer significados e lecturas delas. A nosa forma de mirar determina a
maneira en que entendemos, interpretamos e dotamos de significado todo.
Así atopábame eu “A CEGAS” para interpretar e
dotar de significado certas coleccións e ser capaz de transmitirlle a
información correcta á miña compañeira cega. Era preciso que a través da nosa
axuda, ela atopase outras vías para conducir a mirada dos que se achegan aos
museos a descubrir as nosas coleccións, e, non foi doado. Dicía
Nelson Goodman “cambia-la forma de mirar implica cambia-los significados
e construír con eles un novo mundo”. A mirada non é un proceso
simplemente físico que rexistra o ollo senón que é un proceso activo que
estrutura o que ve no exterior en función dun esquema interior.
Desde esta concepción nace este proxecto cun obxectivo claro:
achegar e descubrir as coleccións dos catro museos da Rede a través da
fotografía, como unha actividade dialogada, mental e en equipo: os cegos,
o persoal do museo e os fotógrafos.
Os porqués xa os coñecedes, a necesidade agudiza o enxeño e
tiñamos que axudar a adaptar un posto de traballo como mediador cultural a unha
persoa cega pero, como facelo?
En México tiveron algún obradoiro de fotografía para cegos,
tamén na Arxentina . Nós analizamos as experiencias e exposicións de California
e de México así como o movemento “The Blind with Carrera School” que ve na
fotografía para cegos un revulsivo para reflexionar sobre a imaxe, a luz e a
escuridade. Tiñamos que adaptar estas ideas soltas doutras experiencias á
nosa realidade e ver como aproveitar esa información previa: querer é poder.
Para iso, falei con Ángeles Miguelez e Pilar
Yáñez, as dúas cegas, que xunto con Juan Ignacio Márquez me animaron a
seguir nesta idea que parecía unha quimera pero que eu pensaba que podía
ser realizada, hoxe xa o podemos dicir, con éxito. Falamos co artista
Iago Eireos e púxose a investigar.
Decidimos organizar un obradoiro de fotografía para cegos:
“Fotografía A CEGAS”. Iago Eireos encargouse de formar un equipo con fotógrafos
lucenses dispostos a facer de profesores: Xosé Reigosa, Germán Limeres, Antonio
López. Queriamos conseguir que entenderan que a fotografía nace na cabeza. A
vista percibe a imaxe pero é o cerebro quen a crea. E aí, na cabeza,
estaría a información facilitada sobre os contidos e coleccións dos nosos
museos: San Paio de Narla, Pazo de Tor, Museo do Mar e Museo Provincial
de Lugo. Enrique Lamas xunto cos alumnos da Escola de Imaxe e Son farían un
documental recollendo todo o proceso.
De isto xa fai agora tres anos. E cada ano a pretensión foi
seguir crecendo e aportando novedades que os fixeran mais atractivos. Pero todo
aprendizaxe ten os seus pasos, e eran precisas as anteriores edicións para
chegar a esta terceira cunhas competencias xa aprendidas que fixera mais doado
abordar novas disciplinas da imaxe. Asi mesmo a intención sempre foi a de
ofrecer mais prazas cada ano para que
mais persoas puideranse sumar.
Nesta última edición quixemos incorporar duas cousas. Por un
lado traballar a linguaxe visual non soamente dende a fotografía, se non tamén
dende a videocreación. E tamen reflexionar sobre a paisaxe, non soamente como a
expresión dun lugar ou extensión ao que fotografiar ou grabar se non tamén como
algo cultural e social.
Ben e certo que os participantes que xa viñeran outros anos
coñecian o funcionamento dos dispositivos e de certas técnicas dentro da
linguaxe fotográfica e que tamen son aplicables á videocreación, pero houbo que
traballar tamén as diferecias. Se traballar con fotografía parecía un reto moi
grande, traballar con vídeo non o foi menos, pero o resultado foi moi
satisfactorio para todos.
Este ano o ICOM invitaba a todos os museos a reflexionar sobre
un tema no que a Rede Museística leva traballando dende a sua creación hai xa
dez anos. Baixo o épigrafe Museos e Paisaxes Culturais invitasenos a
reflexionar sobre a relación do Museo co paisaxe que o rodea. Unha relación que
nos museos da Rede é esencial xa que precisamente ese paisaxe, ese contexto,
identifica a cada un dos nosos museos. O patrimonio material e inmaterial de
cada un dos museos esta ligado a paisaxe no que esta situado e precisamente ese
vínculo é o que define o espirito dos mesmos.
“Fotografía A CEGAS” é un proxecto que ademais deu como
resultado final un documental dunha hora de duración, unha exposición e
un catalogo froito do traballo dun colectivo de ENREDADOS (fotógrafos cegos,
fotógrafos mestres, persoal dos Museos da Rede) interesados na experimentación
sensorial, na exploración dos esquemas perceptivos e na busca doutro tipo de
referentes que non sexan unicamente visuais para relacionarse coa arte dunha
forma máis global.
Recorremos á potencialidade da forma que os cegos teñen de
relacionarse coas cousas e cos conceptos para enriquecer os museos e a propia
mirada dos que veñen aos nosos centros. Un traballador cego como guía dun museo
é un gran potencial.
“… só co corazón se pode ver ben; o esencial é invisible para os
ollos.” O principiño.
Encarna Lago González