GUMERSINDO PARDO REGUERA (Inspirador de Picasso)
Viviu nos séculos XIX e XX, pero foi un home do Renacemento: delineante de estradas, farmacéutico, profesor, político e, por suposto, pintor. A Gumersindo Pardo Reguera deulle tempo a vivir varias vidas nunha, a profundar en diversos campos, sempre con éxito. Nado o 24 de febreiro, de 1847, en Valgos (parroquia de San Martiño da Ribeira, Concello de Cervantes), comezou a pintar a finais do século XIX, pasados os 40 anos. Pronto se gañou fama de gran retratista, que foi crecendo ata a súa morte, en 1916. Para entón, xa era un pintor consagrado e secretario da Real Academia Galega de Belas Artes. A exposición que presenta o Museo Provincial de Lugo –que se celebra con motivo do centenario da súa morte– reúne máis de 30 pezas de Pardo Reguera, catro delas pertencentes ao museo organizador. Na súa maioría, trátase de retratos de ilustres membros da burguesía galega ou de familiares do propio pintor. Foi esta faceta, a de retratista, a que máis cultivou Gumersindo Pardo Reguera. Pero tamén ofrecemos exemplos das súas incursións na pintura relixiosa e histórica, no bodegón ou nas escenas costumistas. O costumismo e a variedade de tipos populares é, por certo, a temática dos bonecos de trapo confeccionados pola súa filla Elena Pardo-Reguera García: o Museo Provincial de Lugo conta nos seus fondos cunha gran mostra da súa produción. A mostra profunda por primeira vez –e este é o gran factor diferencial respecto da monográfica de Pardo Reguera, que se organizou en Lugo en 1960– nas conexións entre o pintor lucense e un neno que chegou a Galicia en 1891 e marchou en 1895, con 13 anos, pero xa coa bitola de pintor, Pablo Ruiz Picasso. O mellor amigo do malagueño era entón Antonio Pardo, fillo de Gumersindo, e de aí naceu a confluencia entre os dous artistas. Pardo Reguera e Picasso compartiron mesmo modelos durante aquel tempo fundamental. O veterano pintor lucense e o adolescente artista malagueño pintaron, cada un no seu estilo, o doutor Ramón Perez Costales, a Nena dos pés descalzos –a protagonista da que a crítica considera a obra maior do Picasso galego– e, posiblemente, ao xa citado Antonio Pardo Reguera. Picasso marchou de Galicia en 1895 e nunca volveu. Pero o recordo da súa estancia sobreviviu nel e, tamén, o da obra Gumersindo. Só así se explica a relación temática entre tres óleo realizados polo malagueño en París en 1901 (Le gourmet, Nena con pomba e Nenos e xoguetes) e outras tantas pezas que tivo ocasión de ver na Coruña no estudo do lucense (Tomando chocolate, Nena con pombas e Pompas de xabón, respectivamente). O impacto non se cinguiu só á obra de Pardo Reguera. Esta exposición tamén expón a hipótese de que Guernica ten a súa orixe nun gravado realizado por Carl Dupuis de A matanza dos inocentes, de Rubens. Esta obra colgaba na botica de Gumersindo, que o novo talento visitaba a diario. Porque, como deixou dito o xornalista lucense, Antonio D. Olano, «Pablo díxome que, na Coruña, pasaba o día na farmacia da rúa Real». Na botica de Gumersindo Pardo Reguera, inspirador lucense de Picasso.
Botella Ao Mar Domingo, 17 de maio de 2009: Día das Letras Galegas Horario de apertura: De 11:00 a 14:00 horas “ Un museo cheo de libros ”. Para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado este ano a Ramón Piñeiro, a persoa visitante poderá levar para a súa casa un libro en galego (ata fin de existencias), un agasallo escollido entre os fondos editados polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. Contacontos 12:00 h: O espectáculo da palabra , por Cándido Pazó Visita guiada 16:00 h: Visita guiada para os integrantes do grupo “ Museos e turismo, unha viaxe polos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo ” Luns, 18 de maio de 2009: Día Internacional dos Museos Horario de apertura: De 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h Haberá agasallos para as persoas visitantes que se acheguen ao museo nesta data. Botella ao mar De 18:00 a 20:00 h: Obradoiro literario a cargo de Paco Rivas . Todas as mensaxe