Fisuras na vitrina. Abrindo a Sala do Tesouro
Mañá, venres, 29 de xaneiro, ás 20:00 h. inaugúrase esta mostra que reúne arte contemporánea e arqueoloxía, e que permanecerá aberta ata finais de abril.
******
FISURAS NA VITRINA
ARQUEOLOXÍA + ARTE CONTEMPORÁNEA
ABRINDO A SALA DO TESOURO
Proxecto específico para o Museo Provincial de Lugo
Comisarias: Monse Cea e María Xosé Bóveda
Trátase dun proxecto cultural feito arredor da antiga colección de ourivería Gil Varela –na súa maioría composta por pezas senlleiras na prehistoria galega– xunto coa escolla da obras de 14 artistas- galegos e galegas na súa inmensa maioría: Xoán Anleo, Mónica Alonso, Nilo Arias, Fernando Baena, Mónica Cabo, Ana DMatos, Amaya González Reyes, Xurxo Oro Claro, Laura Piñeiro, Santi Jiménez, Rubén Santiago, Mauro Trastoy, Jorge Varela e Manuel Vidal.
Como é ben sabido, nos inicios da arte contemporánea, o descubrimento tanto dos artefactos das culturas prehistóricas coetáneas, como da posta en valor dos obxectos que foron achados pola actividade arqueolóxica, pertencentes ao noso pasado remoto foron fundamentais para inaugurar un novo xeito de facer arte. Ademais, andando no tempo, a metodoloxía arqueolóxica e o seu modo non taxonómico de entender a historia, serán poetizados pola arte conceptual –dende os anos setenta no s.XX–, regalándonos grandes obras baseadas en achados arqueolóxicos concretos.
Recollendo esta longa tradición como referente ineludible, e unidas tamén pola teoría feminista á hora de percibir cadansúa disciplina, a comisaria de exposicións Monse Cea, e a arqueóloga María Xosé Bóveda, crean este proxecto o pasado ano.
A proposta expositiva completarase con actividades realizadas en colaboración coa área de didáctica do Museo Provincial de Lugo, como obradoiros para tódolos públicos, un foro pecha kutcha –que sumará as miradas da arte contemporánea, arqueoloxía, ourivería e deseño de adorno personal, sobre a colección Gil Varela–, unha work shop da artista Ana de Matos, unha trenla de actividades para realizar nas plataformas dixitáis do ciclo web e facebook…
Comentarios
Publicar un comentario