II CONGRESO XÉNERO, MUSEOS, ARTE E MIGRACIÓN Por segunda vez a Rede Museística e Lugo escollidos como Sede
II CONGRESO XÉNERO, MUSEOS, ARTE E MIGRACIÓN
Por segunda vez a Rede Museística e Lugo escollidos como Sede
O II Congreso Xénero, Museos, Arte e Migración terá lugar os días 6, 7 e 8 de marzo de 2015 nas diferentes sedes da Rede Museistica Provincial de Lugo. Cada un dos días corresponde a un dos bloques temáticos nos que se artella o encontro: Xénero e Museos, Xénero e Arte, e Xénero e Migración.
O rotundo éxito acadado na anterior edición, con acreditacións e comunicacións chegadas de todas partes do Estado, o amplo seguimento a través das redes sociais, pero sobre todo polo convencemento no labor de compromiso social que a Rede museística vén desenvolvendo, impulsan a esta institución a levar a cabo este segundo congreso, no que se engade, como piar necesario, a Migración.
As características especiais deste Congreso son as seguintes:
1. Extensa rede de colaboradores. Esta segunda edición conta co patrocinio científico das tres universidades galegas, Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, catro universidades estatais, Valladolid, Zaragoza, Complutense e Autónoma de Madrid máis unha internacional, Universidade de Leicester (Gran Bretaña). Ademais o comité científico complétase con ICOM España, organismo que agrupa todos os museos estatais, o Observatorio de educación patrimonial, EducaThyssen – Thyssen Bonemisza, Museo provincial de León, MUSAC, Fundación Jiménez-Arellano de Valladolid, Maritim de Barcelona, Museo Arqueológico de Cacabelos, a Red Española de Profesionales de Museología social, Observatorio da Mariña pola Igualdade, e Mujeres en las Artes Visuales (MAV) así como outras plataformas de investigación, exhibición e difusión como o Festival Miradas de Mujeres, Píkara Magazine e Isköo espazo multidisciplinar.
A extensa rede de colaboradores da Rede Museística cubre deste xeito un espectro internacional, estatal e local poñendo en valor o traballo e o compromiso desta institución coa museoloxía social
2. Novidade no Formato. Esta segunda edición busca acadar unha estrutura moito máis democrática e participativa, rachando o esquema convencional de congreso. Convoca a participación cidadá a través dunha plataforma de diálogo no que público e poñentes interaccionan no mesmo nivel. As intervencións serán moi curtas e concisas, aportando dinamismo ó Congreso, e sendo o punto de partida para o debate que será realmente o protagonista. A estrutura da mesa de diálogo incorpora a dous comunicantes seleccionados por cada un dos bloques a través dunha convocatoria aberta.
O formato elixido de comunicación é o vídeo, facilitando a colaboración de calquera persoa interesada non importa onde se atope e ampliando o alcance do propio Congreso.
3. Actas como punto de continuidade. Ao contrario ó que pasa nun congreso clásico onde as actas serven de punto de peche, nesta ocasión as conclusións, que estarán dispoñibles na rede, convidan á reflexión posterior ao encontro, permitindo a recepción de novas comunicacións que manterán vivo o debate. Este punto vén a fomentar a participación dun público activo e o carácter democrático desta cita.
Trátase do primeiro Congreso que outorga igual importancia ao debate ca intervención dos poñentes, supoñendo a mesma duración ámbalas dúas partes.
4. Experiencia única. A oportunidade de debater estas cuestións de xénero con 38 profesionais chegados de toda España, e mesmo de Europa, especialistas que traballan neste eido desde as institucións, a creación, a investigación, os movementos sociais, o asociacionismo, falando en primeira persoa, converte esta cita nunha ocasión inigualable.
Está aberta a inscrición das 50 prazas para asistir a este Congreso, a través de formulario, na web www.museolugo.com, así como as video-comunicacións cuxo prazo remata o 13 de febreiro