GRAN NOTICIA!!! “En Ningún Lugar” proyecto ganador del ARTISTA LUCENSE IAGO EIREOS para exponer en las Torres Hejduk en la Ciudad de la Cultura.
http://www.cidadedacultura.org/gl/nova/en-ningun-lugar-intervencion-ganadora-para-torres-hejduk
Santiago de Compostela, 28 de Outubro de 2013
En ningún lugar. Unha memoria alternativa das Torres Hejduk. Esta será a intervención que ocupará durante tres meses as torres do Gaiás tras resultar gañadora da convocatoria feita pola Cidade da Cultura de Galicia entre os participantes no III Encontro de Artistas Novos.
Tras analizar as 22 propostas presentadas –dúas delas colectivas-, o xurado -formado polo departamento de Acción Cultural do Gaiás e director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor- decidiu declarar como gañadora da convocatoria a En ningún lugar, proxecto colaborativo no que participan seis artistas e un comisario participantes na edición do Encontro deste ano.
“En ningún lugar supón unha posta en valor da arquitectura e das propias torres, todo un símbolo da Cidade da Cultura a pesar de non ser obra de Eisenman. Estamos ante unha auténtica homenaxe ás Torres Hejudk”, asegura a directora de Acción Cultural do Gaiás, María Pereira. O xurado destacou tamén a aposta de cada un dos artistas por intervir sobre un aspecto do arquitecto ou do propio espazo, ademais de conectar a Cidade da Cultura co centro de Santiago, facendo a viaxe inversa das Torres Hejduk. Do mesmo xeito, o xurado destacou a gran calidade dos 22 traballos presentados e agradeceu a participación dos artistas emerxentes nesta convocatoria ao tempo que felicitou polos seus proxectos.
Con esta primeira convocatoria de intervención artística nas Torres Hejduk entre os participantes no Encontro de Artistas Novos, a Cidade da Cultura quere seguir prestando o seu apoio aos artistas emerxentes e contribuíndo na difusión da súa obra, obxectivo que se recolle na celebración do propio Encontro e que contou con iniciativas previas como ContainerInside, proxecto colectivo composto por traballos dos participantes da primeira edición do Encontro e que formou parte da exposición Inside en 2012.
Unha nova memoria das Hejduk
Xerar unha memoria e unha narración alternativas para desvelar a complexidade arquitectónica e conceptual das Torres Hejduk. Con esta liña discursiva común, os artistas Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariz e Pablo Martínez Muñiz comisariados por Carlos Delgado Mayordomo presentan nas Torres Hejduk cinco intervencións que buscan sacar á luz dimensións evocadoras que suxiran múltiples sentidos do lugar e que sirvan para iluminar diversos aspectos da complexidade conceptual do edificio.
En ningún lugar organízase desde a dualidade das propias torres: unha transparente e outra opaca. Na primeira, os artistas traballan desde a especificidade da linguaxe arquitectónica para levar a cabo un cuestionamento das relacións entre o público e o privado, o interior e exterior, o visible e o oculto. Na opaca conviven dous proxectos que cuestionan a linealidade histórica das narracións hexemónicas.
Tres proxectos na torre transparente
As tres propostas que interveñen na torre transparente falan da conexión entre tempo, memoria e lugar.
Juan Cañamero (Madrid, 1981) presenta en Ritual a recreación dun dos múltiples debuxos de Hejduk: a Capela do Anxo Morto, a medio camiño entre a arquitectura fantástica e funcional. Cañamero formula a súa reconstrución tridimensional nun dos cilindros anexos á torre transparente e reactiva a súa funcionalidade orixinal a través da figura desmembrada dun anxo. O artista recupera así o sentido ritual e místico que para o imaxinario de Hejduk tiña a arquitectura e a súa capacidade para contar historias que nos fagan reflexionar sobre a condición humana.
Iago Eireos (Lugo, 1980) formula en Máscara nómada unha instalación efémera no Parque de Belvís –destino orixinal das Torres Hejduk- e a posterior documentación desta intervención no Gaiás. Eireos recreará en Belvís a planta das torres a escala 1:1 por medio de lonas ancladas ao chan, nas que se amosará un tramado de liñas, ilustracións e estruturas arquitectónicas que se funden sen amosar un significado concreto. No interior das Hejudk, Eireos ofrecerá os estudos e apuntes técnicos desta intervención no centro de Santiago.
A última das tres intervencións na torre acristalada será a de Miguel Ángel Moreno Carretero(Córdoba, 1980). A súa proposta: unha maqueta da torre invertida que podemos percibir na silueta en negativo que xera o perfil das outras dúas. Trátase da reformulación tridimensional dun espazo latente, suxerido e intanxible no que recrea escenas ficticias protagonizadas por opearios e personal de mantemento que transitan espazos ocultos á visión do paseante.
Contextualización na torre opaca
Na torre opaca, a especificidade iconográfica as torres se dilúe a favor da súa contextualización local e global a través de dous proxectos diferenciados.
En Slide, Ana Esteve Roig (Agres, Alicante, 1986) e Alejandro Ramírez Ariz (Zaragoza, 1981) parten da complexa interacción entre a Cidade da Cultura e un grupo social como o dos skaters para poñer o acento na necesidade de crear novas utopías que non procedan de sonos privados, senón de desexos colectivos. Slide é un vídeo rodado no túnel subterráneo da Cidade da Cultura transitado por un grupo de mozos skaters de Compsotela. Institución e periferia unidos nunha ficción que reflexiona sobre a incertidume como único modo de xestionar o avance cara ao futuro.
A peza que completa En ningún lugar é Arquivo de espazos, volúmenes e pedras de Pablo Martínez Muñiz (Santander, 1978). A obra componse de catro caixas de luz onde o artista integra constelacións de arquitecturas que fotografou ao longo da súa vida. A este arquivo aberto e evolutivo, o artista engádelle imaxes das Torres Hejduk e doutros espazos asociados a súa memoria para inscribilos nunha xenealoxía propia.
Comentarios
Publicar un comentario