O DELEGADO DE CULTURA INAUGURA A EXPOSICIÓN ‘SINAIS NA PEDRA. DOS PETRÓGLIFOS ÁS LABRAS’
A mostra, cuxas pezas foron cedidas polas asociacións Trebas Galaicas e Festa da Prehistoria de Mos, poderase ver até o 20 de abril no Museo de Lugo
Mario Outeiro destacou que “é importante coñecer de onde vimos para sabermos quen somos”
Como complemento á exposición, o Museo Provincial organiza unha serie de obradoiros dirixidos a rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos
Lugo, 20 de marzo de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, inaugurou, esta tarde, a exposición ‘Sinais na Pedra. Dos Petroglifos ás Labras’, que se poderá visitar no Museo Provincial dende hoxe até o vindeiro 20 de abril e na que se fai un percorrido polos sinais e pegadas que deixaron na pedra os nosos devanceiros desde os tempos recuados. pasando polas Idades de Bronce de Ferro. até a conquista romana. Na inauguración tamén estiveron presentes o secretario da asociación Trebas Galaicas, José Prieto, e o presidente da A.C. Festa da Prehistoria de Mos, Marcos Escudero, quen ceden as pezas para esta exposición.
A mostra está composta por 12 reproducións en cor e a tamaño real de petróglifos, unha colección de utensilios cos que se traballaba a pedra no Paleolítico e no Neolítico, unha serie de reproducións de esvásticas, trisqueis e espirais, representativas das decoracións en pedra desde a Idade do Bronce á chegada dos romanos, así coma reproducións de cabezas pétreas dun “guerreiro galaico”.
Mario Outeiro sinalou o valor de todas estas pezas e agradeceu a súa cesión por parte da Asociación Trebas Galaicas e a Asociación Cultural Festa da Prehistoria de Mos, ao mesmo tempo que afirmou que “é importante coñecer o noso pasado, de onde vimos, para sabermos quen somos, xa que a nosa historia forma parte da nosa identidade”.
Con motivo desta exposición, a Rede Museística organiza unha serie de obradoiros complementarios orientados aos nenos e nenas máis pequenos. O teu calco dun petróglifo, Como facían os petróglifos e Como moían a fariña, son algunhas das actividades previstas e nas que os nenos e nenas aprenderán a facer reproducións das pezas que verán na exposición e até poderán moer trigo para obter fariña grazas a dous muíños de pedra, un de tipo “barquiforme” ou de “vaivén”, correspondente ao Neolítico, e outro xiratorio, das idades do Bronce e do Ferro.
Mª Encarnación Lago González
Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo
pza. da Soedade s/n 27001 Lugo
tnos:
Comentarios
Publicar un comentario