8 de marzo Día Internacional da Muller na Redemuseística A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0.
8 de marzo Día Internacional da Muller na
Redemuseística
A arte de ser muller nun mundo por compartir
4.0.
Durante o mes de marzo e con
motivo do Día Internacional da Muller, a Rede Museística está a desenvolver un
amplo programa de actividades artísticas multidisciplinares. Toda a
programación comparte un desexo común: superar a violencia e a discriminación ,
en cumprimento do sinalado na Lei Orgánica 3/2007 do 22 de marzo para a
igualdade efectiva de mulleres e homes. No artigo 26.2 establécese que os distintos
organismos, entes e demáis estruturas das administracións públicas que de xeito
directo ou indirecto configuren a rede pública de xestión cultural, debemos
desenvolver iniciativas destinadas a favorecer a promoción específica das
mulleres na cultura e combater a súa discriminación estrutural e, ao mesmo
tempo, xerar políticas activas de axuda á creación e produción artística de
autoría feminina.
Nos catro museos da Rede
Museística, baixo o título “A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0”, homes
e mulleres do mundo da arte compartiron espazos co obxectivo de sumar esforzos a
prol dunha maior visibilidade da muller, empurrando cara o esquecemento unha
situación que foi costume no pasado, a do nulo apoio, e incluso boicot, ao
acceso das mulleres á cultura e á arte, xunto co ostracismo obrigado de aquelas
que chegaban a facer destas disciplinas o seu oficio ou paixón.
A Galicia do s. XIX estaba
situada na periferia xeográfica e cultural da Península, afastada de calquera
dos centros artísticos do momento. A sociedade estaba fortemente marcada polo
ruralismo, a escasa industrialización e o escaso poder da clase media, deu
lugar a un atraso educativo e social do mundo feminino. Estas características
continuaron presentes nos primeiros anos do século XX, no que as mulleres
traballadoras cumprían o seu papel “natural” sendo mestras, enfermeiras,
traballadoras domésticas, etc., polo que o mundo da arte estaba extremadamente
afastado desta órbita tradicional.
Na Primeira Exposición Regional Galega,
realizada en Santiago en 1858, participa por primeira vez unha muller na
sección de Belas Artes, con cinco obras de temática relixiosa. Genoveva de A.
Rodríguez era a excepción entre os outros vinte e catro participantes, todos eles
homes. Ata o primeiro terzo do século XX as mulleres non conseguen o estatuto
de pintoras profesionais. É o caso de María Corredoira, Dolores Díaz Baliño, Elena
Olmos e Elvira Santiso. Serán nos anos da efervescencia republicana cando as
artistas galegas consigan maior presenza nos eventos pictóricos. Así pois, o
vinte de abril de 1934 celebrouse na Coruña a “Primeira Exposición” dedicada
exclusivamente á artistas femininas, seis pintoras xa recoñecidas mostraron as
súas obras no Salón Permanente da Asociación de Artistas. Pero estas
revolucionarias serán silenciadas e esquecidas por historiadores e
críticos coa chegada do franquismo.
A pesares dos anos transcorridos
continúan a ser necesarias exposicións e iniciativas como as organizadas dende a Area de Cultura da
Deputación a través da Rede Museística
Provincial nos museos do Pazo de Tor, na Fortaleza de San Paio de Narla e no
Museo Provincial do Mar e no Museo Provincial de Lugo, para reivindicar o papel
da muller na arte, da muller galega creadora, Non é coincidencia que sexa na
provincia de Lugo onde estas iniciativas teñen cabida, xa que as mulleres
lucenses foron pioneiras en moitos ámbitos tradicionalmente masculinos: a primeira
muller alumna da Universidade de Santiago foi Manuela Barreiro Pico, nacida en
Viveiro o cinco de xuño de 1877, obtivo o título de Farmacia en 1901e tamén foi
a primeira muller que rexentou unha farmacia en Galicia, na vila de Ribadeo.
Desta vila son tamén as primeiras licenciadas na Facultade de Medicina de
Santiago en 1919, as xemelgas Jimena e Elisa Fernández de la Vega.
No terreo das arte, o Circulo de Belas Artes
de Lugo, no ano 1855, converteuse na primeira sociedade que favorece a
ensinanza do debuxo, pintura, música e letras para as mulleres. Estes feitos,
aínda que illados, xeraron unha sinerxia positiva, que tivo reflexo en actos
como a Exposición Regional de Lugo, inaugurada o trinta e un de agosto de 1896
nos salóns da Deputación, onde quince mulleres artistas participaron na sección
de Belas Artes, entre un total de cen expositores. De novo será a Deputación de
Lugo a primeira que concede bolsas de estudos a artistas para completar a súa
formación fora de Galicia. Así, no ano 1926 concédelle unha desas bolsas a Ana
María Gómez González, máis coñecida como Maruja Mallo, artista que expón por
primeira vez no ano 1923 na Exposición de Arte Rexional celebrada en Santiago
de Compostela, á idade de vinteún anos. En 1927, outra artista de Lugo, Julia
Minguillón, acada tamén unha bolsa da Deputación, que lle servirá para ampliar
a súa formación e a levará a converterse na primeira e única muller que obtén
unha Primeira Medalla nunha Exposición Nacional de Belas Artes, pola seu cadro “La
escuela de Doloriñas”, no ano 1941.
Como xestora cultural de
centros públicos, creo que dende o noso campo podemos e debemos contribuír
activamente á transformación das mentalidades e a promover a igualdade.
Visibilizar e apoiar esta
nas nosas mans !
Encarna Lago González
Xerente da Rede Museística
Provincial de Lugo.
Comentarios
Publicar un comentario