Paseos pola muralla de Lugo.
Un aniversario sempre é bo momento para unha celebración, pero tamén permítenos, a xeito de recordatorio, volver a vista atrás para recapitular, e, ao mesmo tempo, ollar cara ao futuro. Esa ocasión preséntanos agora que celebramos o décimo aniversario da inscrición da muralla de Lugo na lista de bens patrimonio da humanidade. Benvida sexa a condecoración, pero sen esquecer que se moito se fixo, moito máis queda por facer se realmente pretendemos valorar os achados tanto desde o punto de vista científico como social. Desta maneira, as liñas que seguen teñen fundamentalmente un carácter de recompilación de ideas e comentarios, a xeito de sinxelo paseo, pero sobre todo de formulación de accións de cara ao futuro.
Ata hai pouco máis de dúas décadas, o coñecemento arqueolóxico da cidade de Lugo centrábase, como non podía ser doutra maneira, na muralla, cuxas calidades como magnífico e impoñente expoñente construtivo romano ninguén poñía en dúbida. Deixando a un lado as mencións eruditas de séculos precedentes que na súa maior parte se limitan a pequenas recensións de carácter enxalzador e laudatorio do monumento. A partir dos anos 30 do pasado século, a consideración da muralla pasa de elemento laudatorio a arqueolóxico grazas á formulación das primeiras achegas científicas.
Porén, o que se podería denominar como coñecemento arqueolóxico xeral da cidade, referente a achados do subsolo, ás fases cronolóxicas urbanas, formas de vida material, inserción dos resultados nos esquemas históricos xerais do imperio, etc., adoecían aínda dun estado incipiente. Os traballos, meritorios, existentes limitábanse a reflectir na maior parte dos casos achados soltos ou procedentes de obras de construcións urbanas realizada sen control arqueolóxico. Como se entenderá, estes datos reflectían unha panorámica parcial, e sobre todo, escasamente sistemática.
A mediados da década dos 80 do século pasado ábrese unha nova fase. En 1985 a publicación da Lei de Patrimonio do Estado, seguida, ao ano seguinte, pola Lei de Patrimonio de Galicia, perfila o marco xurídico no que se teñen que desenvolver as intervencións arqueolóxicas nos respectivos territorios, delimitando as obrigas da administración e dos particulares, definindo os elementos susceptibles de intervención, establecendo as metodoloxías de actuación e conservación e precisando os requisitos de autorización para as intervencións.
Por outra banda, neste último ano, 1986, proponse en Lugo, ao abeiro do crecemento automobilístico e as necesidades urbanas, a realización de tres aparcadoiros subterráneos: dous no recinto intramuros (prazas de Santo Domingo e Ferrol) e un extramuros, pero inmediatamente lindeiro á muralla, Praza da Constitución. De resultas, elévase unha intensa polémica sobre a conveniencia ou non de realizar as pertinentes escavacións, consideradas naquel momento, digámolo, como un estorbo e unha “dilapidación” por parte dalgúns sectores sociais. Ao final, e habida conta do marco xurídico de recente aprobación, determinouse a realización destas, como paso previo á construción dos aparcadoiros.
Basicamente estas primeiras actuacións poñen en evidencia dúas cuestións. En primeiro lugar, que, os achados resultantes das devanditas intervencións fundamentalmente edificacións privadas con mosaicos e baños e ámbitos de necrópole, determinaban a existencia, baixo a cidade actual, doutra romana cun potencial arqueolóxico e, por conseguinte, cunhas expectativas científicas e sociais, certamente considerables, en canto denotaba unha plena implantación dos modelos construtivos e materiais romanos nunha zona do imperio que se consideraba marxinal. Sen embargo, os achados, como dicimos, foron de tal calidade que, por veces, chegaron a sorprender os propios arqueólogos e entendidos na materia.
A segunda cuestión referíase á necesidade de aplicar con determinación e de maneira sistemática a lexislación recentemente aprobada, se se quería conservar e estudar ese espectacular patrimonio que daba mostras dunha importancia singular.
Un paseo pola cidade romana
Queda dito que estas primeiras actuacións constitúen o punto de arranque de case tres longas décadas de actuacións, investigación e posta en valor de Lucus Augusti
Ao longo deste tempo, o número de actuacións arqueolóxicas en Lugo sitúase arredor das trescentas, de moi diferente magnitude superficial e cuns resultados igualmente moi diversos.
Sen embargo, o realizado ata o momento, a falta dun estudo xeral dilatadamente posposto, é suficiente para establecer nos seus trazos básicos a fisionomía e cambios materiais da urbe ao longo de cinco séculos.
Como ben sabemos, a fundación da cidade de Lucus Augusti acaso establecida sobre un acampamento militar precedente, é o resultado, en primeira instancia, da conquista territorial da franxa setentrional da Península Ibérica por Augusto, tras a súa vitoria nas Guerras Cántabras: acontecementos bélicos que, nas súas diversas fases, se prolongan desde o 25 ao 19 a.C. Á conquista militar segue unha fase de recoñecemento do espazo xeográfico destinada a comprobar a súa potencialidade que, unha vez establecida, dá lugar á súa definitiva organización de cara á súa inserción no esquema xeral administrativo do imperio. Este proceso, obra do emperador Augusto, concrétase, entre outros, en dous aspectos: a fundación de organismos urbanos que actúen como centros referenciais e a súa ligazón mediante vías de comunicación de cara á expansión territorial dos modelos romanos: isto é, o proceso de romanización do territorio. Xorden desta maneira as tres grandes capitais romanas do NW hispánico Bracara Augusta (Braga), Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo), cabezas dos seus respectivos territorios administrativos, os conventos xurídicos bracaraugustano, asturicense e lucense respectivamente, que, conxuntamente, conforman a Gallaecia.
En concreto, a fundación de Lucus Augusti sitúase cronoloxicamente durante a segunda estancia do emperador Octavio na península, arredor dos anos 15/13 a.C., en coincidencia de datas co resto das capitais. Fundación que, no noso caso, foi realizada por Paulo Fabio Máximo, quedando constancia epigráfica desta en tres grandes cipos con inscrición, dous deles, fragmentados, no Museo Provincial de Lugo e o terceiro, íntegro, na Sala de Exposicións Porta Miñá. Non obstante as datas desta fundación urbana, os máis temperáns materiais localizados nas diversas escavacións urbanas, lévannos aos anos 5 10 d.C., é dicir a dúas décadas despois do momento fundacional. Tal cousa fai sospeitar que mentres Octavio foi o planificador, Tiberio, o seu sucesor, foi, en substancia, o executor da cidade, polo que ao embrión urbano augústeo, segue a primeira definición urbanística tiberiana da cidade.
Tal parece que a construción dos principais edificios e servizos públicos ocupa estes primeiros momentos. Así a organización da zona foral, das máis temperás vías públicas, do acueduto e do próximo complexo termal a beiras do río Miño, ademais das primeiras e “pobres” construcións particulares, serían obras emprendidas e concluídas neste período, sen esquecer a influencia que, no medio inmediato, tivo esta construción como se pon de relevo no próximo castro de Agra dos Castros, a uns 2 quilómetros ao norte da capital, recentemente escavado. Probablemente convertido xa en villa, esquece paulatinamente as fórmulas tradicionais e insírese, aínda que timidamente, tanto no aspecto arquitectónico como no material, nas romanas.
Esta convivencia dos modelos materiais, o indíxena tradicional e o romano conquistador, é característica desta etapa temperá. O primeiro, respondendo aos últimos tempos da cultura da Idade do Ferro, achega substancialmente os enxovais de uso doméstico, de cociña e almacenaxe. Vasillas, predominantemente olas, en marrón ou negro, de fabricación artesanal, lisas as máis sinxelas e esplendidamente decoradas mediante espatulado, incisión ou estampación, as máis ricas. Abano formal de perfís pechados ao que, de maneira progresiva, engádense algunhas formas abertas, como os pratos, ou outras novas, como as xerras, que non forman parte do acervo formal tradicional e que, se é o caso, non son asimiladas a xeito de réplicas exactas senón filtradas polos gustos indíxenas, tanto canto aos sistemas de elaboración como decorativos.
Xunto a estas mostras de tradición indíxena, algúns de cuxos elementos formais ou decorativos perdurarán en fases posteriores, agréganse, en pacífica coexistencia, producións procedentes da tradición cerámica romana, máis ben a título de recipientes de luxo. É o caso da TS de procedencia itálica ou gálica, pronta substituída, e masivamente, polas de produción hispánica. É o das ánforas, envases viarios sobre todo, que desaparecen case por completo a partir de época flavia. E tamén dos vasos de “paredes finas” e das lucernas cuxos modelos foráneos, importados, son pronto obxecto de replicación baixo parámetros máis locais, especialmente a partir do establecemento da industria oleira na cidade, da que trataremos en liñas posteriores. Neste momento as relacións comerciais co val do Ebro encóntranse ben testemuñadas.
Arredor dos lustros centrais da primeira centuria e de maneira xa moito máis evidente coa chegada da dinastía Flavia, arredor do último cuarto deste primeiro século, a situación cambia. A maduración do proceso de romanización, a conclusión do sistema viario, as novas condicións xurídicas derivadas da extensión xeral do ius latii en Hispania, modifican o panorama de maneira substancial. O indixenismo desaparece e impóñense os modelos romanos que se manterán durante case catro séculos.
No urbanístico asistimos a un dobre cambio que pode resumirse na plena asunción dos modelos arquitectónicos romanos e, polo demais, moito máis enriquecidos que na fase precedente, e nunha organización urbanística conforme a funcións diversas. Desta maneira as calzadas viarias urbanas amplían o seu tamaño e sistema de pavimentación, mellórase, tamén, o sistema hidráulico tanto de abastecemento como de evacuación a través das canles asociadas a estas vías. Esténdese o uso da cuberta de pórticos sobre as beirarrúas, enriquécense e agrandan as casas dotándose de sistemas termais, aumenta o número destes estendidos pola cidade, etc.
Por outra banda, a organización urbana implica concentrar na banda NE elementos industriais, especialmente talleres de oleiros e dispor na banda sur as necrópoles, arredor dos xardíns de San Roque. No medio, a zona foral, coincidente máis ou menos, co actual Praza Maior, constrúense ricas edificacións que serán amplamente deseñadas, segundo parece, no século III, desdicindo esa idea de crise xeneralizada que se atribúe a esta centuria. Finalmente na cara sur e oeste esténdense outras construcións de carácter maioritariamente residencial.
Un aspecto debatido desta distribución fai referencia ao espazo residencial consolidado como zona de habitación habitual. A suma da superficie ocupada polos espazos públicos, baixo diferentes formas (calzadas, foro, termas, necrópole), unida á ampla área espacial necesaria para a instalación dos talleres oleiros, sen esquecer os grandes espazos ocupados polas grandes domii urbanas, restrinxe notablemente o espazo destinado a ámbito residencial.
Un destes é, como diciamos, o ámbito artesanal situado ao NE da cidade. Ocupa, en cálculo aproximado, unha cuarta ou quinta parte do actual recinto intramuros e estaría copado por un número impreciso de talleres, indeterminación derivada de que aínda non se escavou ningún ao completo. En todo caso, e habida conta da trintena de fornos rexistrados, conformaría unha área de intensa actividade laboral. Desde esta perspectiva, e en sinxelos cálculos, sospeitamos que a manufactura oleira sería un importante puntal fabril e mercantil, senón o maior, da cidade, con ampla produción de excedentes destinados a unha comercialización cuxo ámbito de distribución se estendería por un ámbito rexional, aínda que é este un tema sen estudo definitivo.
Como queda indicado, a vida material desta cidade Flavio/antoniniana, sumida na pax romana, pertence plenamente á nova cultura. A vaixela, por centrarnos só nalgúns aspectos, ofrécenos cun abano formal romano salpicado de notas indíxenas. Novas formas e tamén novos criterios de produción. No primeiro caso o abano formal amplíase, agregándose as formas abertas (pratos, cuncas, barreños, etc). Polo demais, a produción faise numericamente masiva, o que comporta a aplicación dos conceptos estándar formal e modular e de simplificación ornamental. En efecto a nova vaixela é substancialmente racional e simple, e, sobre todo, moi funcional. Polo mesmo, máis que pezas soltas, o que se produce son servizos compostos por unha diversidade de recipientes de usos complementarios, de carácter individual ou colectivo, cuestión que se evidencia especialmente no enxoval de mesa, no que, ademais, se observa, mellor que no de cociña, a persistencia de formas ou decoracións inspiradas en perduracións locais tradicionais, con prolongamento de producións grises ou negras decoradas mediante espatulados. Estas coexisten pacificamente coas vermellas pintadas, incluídas as engobadas, de gusto romano.
Chegados aos anos postremeiros do século III, a cidade entra nunha nova fase. A crise xeral do imperio, que en Lugo parece non afectar de maneira especialmente intensa polo menos nos primeiros momentos, e a súa plasmación física, a construción da muralla, sinalan este momento.
Da construción da muralla, cuxos aspectos arquitectónicos se abordan en liñas posteriores, limitámonos a destacar agora a súa afectación urbanística. A cidade, con trescentos anos aos seus lombos sen límites deste tipo, vese agora constrinxida e delimitada fisicamente por unha impoñente parede pétrea, ou por mellor dicir, por un sistema defensivo cuxo elemento máis destacado é a muralla. Dada a prioridade da defensa sobre os aspectos urbanísticos, a defensa impúxose sobre a cidade polo que o primeiro foi axustar a muralla á topografía, o que supuxo, en definitiva, un desprazamento da urbe, con abandono parcial das zonas meridionais e occidental, agregando, en compensación, terreos polas bandas norte e este, isto é, polas zonas anteriormente marxinais ocupadas por necrópoles e ámbitos de produción oleira.
En principio cabe pensar que a ocupación destes terreos debeu dar ao traste con parte dos complexos fabrís existentes previamente na zona, comprobándose arqueoloxicamente a transformación destes en ámbitos residenciais. Polo mesmo, este puntal económico debeu verse especialmente afectado polas novas condicións, a pesar de que a cantidade de recipientes deste período mantense, máis ou menos, en paridade co da época precedente.
Noutra orde de cousas, os espazos urbanizados por onde debía discorrer a muralla veranse amplamente afectados pola construción desta. Algunhas edificacións, particulares ou públicas, deben ser desmanteladas (caso da localizada no subsolo do Vicerreitorado, nas inmediacións da catedral, coñecida popularmente como a Casa do Mitreo). As vías urbanas que antes discorrían libremente, deben axustar agora o seu trazado á saída polas portas da muralla. O mesmo as grandes cloacas, que parecen ser deste momento. Probablemente, tamén cumpriu desacralizar e abandonar algúns sectores de necrópole. Percíbese, tamén, por veces, a captación do espazo público por parte de mans privadas. Todo iso, sen esquecer, por suposto, a nova percepción da cidade como espazo cerrado e protexido.
En definitiva, unha intensa convulsión, aínda que, todo hai que dicilo, que parece sobrelevarse sen especiais dificultades. En efecto, os materiais tardíos manteñen a súa presenza con amplitude. En concreto, a produción do cerámica común, no referente a volume de pezas, non parece descender excesivamente, conservando, e incluso mellorando, as súas calidades técnicas e ornamentais. Certo é que, á primeira vista, o abano formal parece reducir o número de formas, especialmente en canto ao servizo de cociña, pero as producións finas e, en concreto, as do servizo de mesa, ademais de incorporar novos tipos, non desmerecen da etapa anterior no referente á súa calidade. Asístese, ademais, á produción dunha serie de imitacións da vaixela de TST que, aínda que esta segue presente de maneira abundante no mercado. Por outra banda, a aparición de numerosas moedas baixo imperiais, parece indicar que había suficiente diñeiro en circulación aínda que a inseguridade fai que, por veces, se chegue a tesourizar unha parte do monetario, de aquí a ocasional aparición de grandes conxuntos monetarios, en forma de tesouriños.
En fin, transcorridos uns cincocentos anos desde a súa fundación, a cidade caerá finalmente en mans suevas no ano 460 d.C., apenas 16 antes da caída de Roma, sumíndose nunha prolongada decadencia, na que, con todo, aínda debía subsistir moito da etapa precedente, e da que non sairá ata as actuacións reformadoras do Bispo Odoario, a finais do século VIII, inserta xa en modelos prefeudais.
E agora un paseo pola muralla.
Dez anos transcorreron, apenas unha insignificancia na longa vida da muralla de Lugo, desde aquela madrugada do 29 ao 30 de novembro do ano 2000, en que, na sesión da UNESCO celebrada en Crains (Australia), fóra inscrita na lista de bens Patrimonio da Humanidade. Porén, o camiño que permitiu chegar ata este punto comezou moito antes, sen esquecer que longo será o que segue.
Para que un elemento sexa declarado, debe constituír, en primeiro lugar, un expoñente máximo dunha actividade humana, material ou inmaterial, ou ben unha paisaxe ou medio natural de excepcional valor. Debe, a maiores, ser orixinal na súa maior parte, non admitíndose as candidaturas de elementos excesivamente “retocados” ao longo da historia ou, se se quere, “remozados” para a ocasión. Unha terceira condición obriga a que o devandito elemento estea arraigado socialmente, sexa na vertente de uso tradicional, gozo xeral, utilidade social, etc., rexeitándose xeralmente aqueles que sexan de propiedade particular, o que obriga a que as candidaturas sexan presentadas, dentro de cada país, polas pertinentes institucións administrativas. A maiores engádese a necesidade de incorporar á proposta detallados e completos plans para a conservación e difusión do elemento.
Como se comprenderá, estes requisitos esixen un longo traballo interdisciplinar que, de maneira inmediata, require do concurso de numerosos especialistas, técnicos, investigadores e científicos. Pero tamén dun apoio social e dunhas directrices políticas de futuro.
Aínda contando con estes primeiros pasos, os obstáculos que se alzan para que a candidatura prosiga o seu camiño son numerosos. Ten que sortear, en primeiro lugar, a criba que cada país impón ás candidaturas presentadas no seu propio territorio, tendo en conta, ademais, que os elixidos deben competir, no futuro, co conxunto das candidaturas mundiais, cuxo montante final, é, como se comprenderá, moi elevado.
En calidade de seleccionados, non xa de simples candidatos, a UNESCO ten a obriga de enviar unha delegación a comprobar os termos contidos na proposta preseleccionada. Enviados que adoitan ser especialistas na rama ou nivel do elemento en cuestión, por exemplo, un arquitecto de recoñecida fama no caso dos bens construtivos. A súa misión, como queda indicado, é a de recoñecer directamente o elemento proposto, isto é, se as indicacións expresadas na proposta coinciden coa realidade, podendo, se é o caso, requirir a información complementaria que considere pertinente, entendéndose que a non recepción desta, invalida ou polo menos repercute negativamente sobre a candidatura. Novos informes e avaliacións, cada vez máis selectivos, van cribando as candidaturas e os seleccionados, ata que a correspondente reunión xeral determina, finalmente, aos agraciados.
As condicións intrínsecas da nosa muralla como postulante a este nomeamento eran innegables. E así foi expresamente manifestado no correspondente informe da UNESCO. Agora, nós, cun pequeno repaso do monumento destacaremos os elementos que permitiron a súa adscrición.
Como punto de partida propuxéronse dúas cuestións, unha de orde espacial e a outra de índole cronolóxica. No tocante á a primeira só cabe insistir, unha vez máis, que o termo muralla esconde, en realidade, unha defensa poliorcética máis complexa composta por un extenso control visual, una zona exterior despexada para evitar en emboscamento do inimigo, unha adecuación da liña amurallada á topografía, un foxo exterior, non continúo senón organizado en seccións, duns 25 ms. de largura por 4/5 ms. de profundidade que, polo demais, dispón de elementos estruturais aínda non ben definidos, unha zona de glacis de entre 5 10 ms. ao pé da propia muralla, esta cunha altura de 10 m. e un grosor, nos entrepanos, de case 5. Tras esta, outro espazo despexado, a xeito de intervallum, igualmente mal definido e que, en todo caso, parece ser reaproveitado moi temperanmente para o asento de construcións e outros ámbitos, mesmo en época baixa imperial.
Neste mesmo senso, o termo habitual é o de muralla romana, e este é certamente a súa orixe. Pero non podemos esquecer que formou parte da cidade ao longo duns 1700 anos, cumprindo a súa principal misión de muro de contención, canda outras subsidiarias. Ambos os dous elementos foron amplamente considerados na inscrición, loándose o amplo valor estrutural e a longa e secular imbricación entre a cidade e o monumento.
A estas engadíronse outras cuestións que permitiron incrementar o valor da candidatura. Foi a primeira a conservación case íntegra do perímetro amurallado, conformando o seu adarve un paseo continuo de 2.177 ms. de perímetro. Incluso o único tramo non orixinal, correspondente ao Reduto Cristina, engadido defensivo do século XIX con ocasión das guerras carlistas foi considerado como un agregado de carácter histórico, sen romper, polo mesmo, e en substancia a funcionalidade orixinal da valado. Esta cuestión afectaba á segunda, a orixinalidade. A UNESCO entende por tal que o candidato, neste caso construtivo, debe conservar parte substancial da fábrica primitiva, do momento da súa construción orixinal, admitíndose os engadidos históricos, como os citados, pero sen agregados reconstrutivos modernos que completen ou suplanten excesivamente as faltas existentes. No caso da nosa muralla, esta orixinalidade foi determinada a través da achega dun extenso anexo documental, con notable incremento de documentación a partir do século XVII, na que se precisaban as obras realizadas na muralla, así como o seu alcance, consistindo a maior parte en traballos de reparación dos forros e, polo tanto, sen afectar especialmente ao núcleo ou estrutura orixinal.
Por outra banda, un segundo anexo contiña os pertinentes informes arqueolóxicos, acompañados de amplos aparellos gráficos planimétricos e fotográficos, nos que se recollían os resultados das numerosas intervencións realizadas directamente sobre a propia muralla ou na súa contorna inmediata. Estes informes arrancan do ano 1993, data na que, con apoio institucional, proponse un programa de acción anual destinado á escavación, limpeza e posta en valor da muralla. Substancialmente, os mesmos viñan a corroborar o indicado pola documentación. Ademais do engadido dalgúns sectores de forro interno ou externo, dos cegamentos das escaleiras de acceso, do que trataremos máis adiante, da apertura dalgunhas portas, acción que tamén foi considerada como de agregación histórica conforme á evolución urbana, a desaparición das cotas superiores por secular reposición de solos do adarve ou da reparación dalgúns cubos, o resto da fábrica, nunha porcentaxe que podemos calcular arredor do 75%, respondía á fábrica orixinal. A maiores cabe resaltar que, na súa visita de inspección, o representante da UNESCO, o arquitecto Jean-Pierre Adam, puido comprobar persoalmente estas aseveracións xa que esta coincidiu co desenvolvemento dunha intervención arqueolóxica nos cubos 11, 13 e 14, o que lle permitiu observar directamente a fábrica e estrutura orixinal. Polo demais, estas intervencións foron claves noutros aspectos. Basicamente a muralla redúcese a un muro composto por un anel murario de que sobresaen os cubos, en constante repetición e sucesión de elementos, carecendo completamente de carácter artístico e, polo tanto, da atractiva visual doutras construcións, como poidan ser igrexas, palacios, castelos, conxuntos urbanos, etc, obxectos predilectos de declaración patrimonial.
Porén, no noso caso, este “aburrimento” estético compénsase coa excelente conservación. Desta maneira, e a través das citadas intervencións arqueolóxicas, foi posible definir nos seus trazos básicos os sistemas técnicos e os elementos estruturais aplicados á súa construción, difíciles de apreciar en estruturas amuralladas similares máis alteradas ou peor conservadas.
En primeiro lugar, o material utilizado na construción, a lousa, resulta barato, manexable, fácil de traballar, exfoliable e cunha fonte de aprovisionamento, polo que sabemos, xa que procedería da extracción necesaria para a apertura do foxo, entendéndose que ambas as dúas obras, apertura e elevación da muralla, foron realizadas simultaneamente. Materia prima, cuxa calidade, sen ser excelente, era suficiente para a composición do núcleo, extraéndose probablemente das próximas canteiras de Buratai as follas destinadas aos forros exteriores e á definición dos elementos construtivos internos, no caso das escaleiras.
Por outra banda, a estrutura interna da muralla baseábase nun emparrillado conformado polos muros exteriores e muros internos de cosido, perpendiculares aos primeiros no caso dos entrepanos ou en disposición radial no dos cubos. Muros que, aparentemente, se alzan en continuo en toda a altura da edificación. Entre estes muros, e conformando a parte substancial do núcleo, disponse unha serie de recheos organizados en tongadas duns 30 cm. de grosor conformado por acumulacións máis ou menos informes de material de lousa sen trabazón coroado cada unha por unha especie de “tapa” de pezas dispostas en horizontal, a xeito de nivelamento, trabada neste caso con morteiro. O esquema lembra a sucesión de capas dunha cebola ou pastel. Por veces, os elementos que definen as tongadas presentan un aspecto particular, ben porque, en vez de lousa se empregan grandes pedras de cuarcita (cubo 11) ou ben porque as follas de lousa de recheo dispóñense ordenadamente en “espiña de peixe”, sistemas ambos os dous que parecen ter relación co drenado e secado do núcleo interno.
A intervalos, de distancia aínda non ben determinada, esta estrutura nuclear vese interrompida polos citados muros de cosido ou por xuntas, de tal xeito que o conxunto non conforma un continuo, senón que se organiza en bloques construtivos estruturais. Este sistema permite, por unha banda, que as afectacións ante un derrubamento por uso de maquinaria artilleira, se produzan “ordenadamente”, cedendo en bloques compactos xa que estes carecen de chaves de unión entre si, ademais de que os encontros, que non fisuras, serven de xuntas de dilatación.
Esta organización permitía, polo demais, abaratar custos, unha mellor organización e unha escasa especialización laboral, simplemente porque a obra, se non son as portas e as escaleiras, resólvese simplemente en acumulacións de masa construtiva carente de florituras técnicas. O traballo de alzado, o que parece, era resultado da intervención de diferentes cuadrillas de operarios que ían ensamblando sectores de obra. Así, non son poucas as ocasións en que asoman na muralla unha especie de liñas verticais de conexión entre dous sectores construtivos con imbricación de pezas na unión. Nalgúns casos, este trabazón resulta especialmente evidente por canto, deixando a un lado as xuntas, as pezas de lousa de ambos os dous sectores presentan morfoloxías ou tamaños diferentes ou, se é o caso, o amalgamante de morteiro utilizado é de diferente calidade e composición.
Outra das novidades estruturais definidas, realmente sorprendente en canto ata o momento non se coñecen paralelos, refírese ás escaleiras. De primeiras, resaltar, como singular particularidade que cada cubo dispón do seu correspondente acceso, polo que para ascender ao seu adarve a muralla disporía de oitenta e cinco accesos. Por outra banda, salientar tamén a súa estrutura. Arrincan as escaleiras a uns 4,5 m. de altura polo interior, coincidindo o seu acceso coa liña de inflexión, que caracteriza, na súa parte superior, o perfil intradorso da muralla, de liña vertical nos dous terzos inferiores e con taludado interno no superior. A planta das escaleiras é de tipo imperial ou en T, coa bocana de acceso aberta ao interior, con pasos de placas en telladiño de chanzos, seguida por un desembarco do que parten dous ramais de chanzos cuxos desembarcos superiores acceden directamente ao adarve. O eixe destas escaleiras coincide, máis ou menos, co de diámetro transversal do cubo, ocupando aproximadamente os dous terzos da largura do paseo, que así se vería interrompido constantemente polas caixas. Estas , por veces, caso da Porta Miñá, convértense en auténticos corpos de garda para a máis intensa vixilancia destes accesos.
Das dez portas existentes na actualidade, cinco serían orixinais: Miñá, Santiago, San Pedro, Falsa e Nova, datándose as outras nos séculos XIX e XX, ao abeiro da expansión urbana.
As portas romanas, a excepción da Falsa, presentan un esquema construtivo máis ou menos similar, sendo a Miñá ou da Carme, a que mellor conserva as características orixinais: un paso delimitado por dous arcos exteriores que cruza o grosor da muralla. Sobre o paso, un cuarto superior a xeito de corpo de garda e desde o que, ademais, se controlarían os mecanismos de alzado do rastrelo de ferro que, chegado o caso, pecharía o arco externo, mentres que polo interno, unha forte porta de dobre folla tería a mesma función. Por esta cara interna, dúas “garitas” adosadas ao paramento interno completarían a defensa, alzándose en altura ata acadar o adarve, dende onde tamén se podería acceder a elas. As escaleiras correspondentes aos cubos de flanqueo, transformadas no caso dos da Porta Miñá, en estancias de garda, con acceso directo ao adarve, favorecendo o control do sector superior, completarían o sistema defensivo destes accesos.
A modo de repaso.
Así as cousas, entenderase que na resolución de declaración da muralla de Lugo como ben patrimonio da humanidade, se incluíse, dentro dos exemplos construtivos, como a máis excelente mostra da arquitectura defensiva urbana do baixo imperio romano, en competencia con Nimes e Carcassonne.
Agora ben, tal e como se ten advertido repetidamente, máis que un premio, tal concesión comporta substancialmente unha responsabilidade. A muralla, considerada como elemento de características únicas oficialmente recoñecidas e na súa calidade de espello en onde se miran construcións similares, debe ser atendida de maneira máis intensa e completa. De aquí arrinca tal responsabilidade que é cuestión, que en primeira instancia, afecta de maneira especial ao lucense.
Por iso, e postos nesta tesitura, as últimas palabras non poden ser de complacente loanza nin de olladas atrás, senón que deben estar encaradas ao futuro.
Sen dúbida, é moito o avanzado nestes últimos anos no coñecemento arqueolóxico da Lucus Augusti romana e, de maneira concreta, da muralla que, de mero estorbo urbanístico, pasou a converterse en símbolo preferencial da cidade e referencia para construcións similares. Polo mesmo, tamén variaron a súa percepción científica, a súa valoración social e o xeral recoñecemento do monumento.
Non obstante, como advertimos, cómpre non botar as campás ao voo nin durmirse nos loureiros. Desde o punto de vista arqueolóxico son moitas as dúbidas que aínda persisten, como o xeito en que se realizaba a saída polas portas salvando o foxo; como eran, de existir, as torres; cal era o medio visual que se dominaba desde a fortaleza; como se resolvía o control das portas xa que os corpos de garda localizados en porta Miñá non parecen ser extrapolables ao resto das portas, que función tiñan as “canles” descubertas no núcleo do cubo de flanqueo dereito da Porta de Santiago.
E se moito é o que queda aínda por investigar no plano científico, moito é tamén o que resta por facer no que respecta á revalorización e posta en valor do monumento. Un exemplo claro é a rehabilitación do medio urbano inmediato que serve de fondo á muralla. Outro a necesidade dunha maior difusión a nivel nacional e internacional. Sería igualmente necesaria, ao noso entender, a creación dun organismo aglutinador das diversas actuacións.
Comentarios
Publicar un comentario