Un premio.... os verdadeiros premios son as facianas dos nenos.. dos pais.. dos que día a día estades ahí formando parte da vida dos nosos Museos.
Follas Novas, Novas FollasGrazas!!!
Dende a Rede Museística queremos agradecer profundamente este recoñecemento feito pola Fundación Rosalía ao traballo desenvolto durante todos estes meses por un grupo multidisciplinar de persoas e sobre todo, un traballo realizado polos propios nenos de primeira man. Estas follas novas, estas follas de carballo que escollemos como símbolo do proxecto van máis alá do que unha folla pode dar a entender. Nelas, vai a sabia nova en forma de reflexión dun conxunto de rapaces de diferentes procedencias, reflexións instigadas pola verba rosaliana que exerceu de fertilizante e alimento para que estas novas follas agromasen até chegar ao seu esplendor. Follas de carballo, polo tanto folla caduca que, seca vai ao chan. Vai ao chan máis non a morrer, vai a alimentar a terra, a deixar nela os nutrintes adecuados para que nela agrome a vida, incen novas formas e continúe con fermosa fasquía a árbore da que forman parte. Para que o carballo da língua, da poesía, do achegamento entre culturas, do respecto e do trato en igualdade se mostre forte e rexo, vigoroso; coa forza precisa para continuar a medrar e ofrecer cada vez a máis xente a sombra da cordialidade, a madeira da comprensión do diferente e a landra da tolerancia. O esforzo común como guía para a viaxe que no tempo e no espacio fai a sociedade humana.
Comentarios
Publicar un comentario