Ir al contenido principal

CONTIDO PONENCIA ENCARNA NO COLOQUIO GALEGO DE MUSEOS

A XESTIÓN DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO E DA REDE PROVINCIAL DE MUSEOS





1. ANTECEDENTES



A orixe do Museo Provincial

O 23 de febreiro de 1932 a Deputación Provincial de Lugo, baixo a presidencia de D. Daniel Vázquez Campo, aprobaba as bases para a creación do Museo Provincial de Lugo. No mes de novembro do mesmo ano apróbase o Regulamento que o rexería, créase unha Xunta de Goberno e encoméndase a dirección do Museo ó Académico correspondente de Belas Artes, D. Luis López Martí.

A sede inicial

A Xunta de Goberno ocúpase de preparar os locais cedidos pola Deputación no propio Pazo Provincial, de reunir distintos bens do patrimonio artístico e cultural da provincia ata entón dispersos en coleccións particulares e institucionais. Feito este labor, o Museo abre as portas ó público, ocupando unha nave completa da planta baixa do Pazo de San Marcos, o 10 de xaneiro de 1934.

O continuo incremento das coleccións grazas a adquisicións, doazóns e depósitos (e mesmo ó rescate polos membros da Xunta do Museos de materiais arqueolóxicos e epigráficos) provoca axiña un serio problema de capacidade espacial para albergar e expoñer os abondosos fondos do novo Museo.

O convento franciscano

O novo edificio

Faise necesaria a consecución dunha nova sede para a institución e os membros da Xunta reparan no antigo edificio conventual dos franciscanos, do que se conservaban ademais da igrexa (que era parroquial de San Pedro desde principios do século XX) o claustro, o refectorio e a cociña. O estado de conservación destas dependencias , a pesar de que o conxunto do cenobio fora declarado Monumento Nacional en 1931, era moi deficiente. Para trasladar o Museo ó conxunto conventual precisábase unha fonda restauración e consolidación do edificio. Decidido o traslado do Museo procédese a esta restauración, baixo a dirección de Pons Sorolla, e o arquitecto vigués Manuel Gómez Román deseña un novo edificio, con trazas de pazo galego, que integra as dependencias do vello convento e dota ó Museo de novas e amplas salas de exposición.

As dúas ampliacións

O Museo trasladase á súa sede actual en 1957 e desde entón ata hoxe foi obxecto de dúas ampliacións: A primeira, cara á Rúa Nova, tivo lugar a finais da década dos sesenta baixo a dirección do arquitecto Pérez Barja que seguiu o proxecto inicial de Gómez Román.

A segunda foi inaugurada en 1997. Esta ampliación, na que nos atopamos agora celebrando este IX Coloquio, foi proxectada por Antonio González Trigo e estivo precedida por unha importante obra de renovación dos edificios anteriores que se levou a cabo a finais dos anos oitenta e que incluíu a substitución total das cubertas, unha ampla remodelación dos interiores e unha reestruturación global do sistema expositivo. Esta obra implicou o peche do Museo, primeiro parcial e logo total, durante un longo período, abríndose novamente ó público en 1991.

Non é o momento nin o lugar para afondar na historia do MPL nas súas anteriores etapas, pois o que nos propoñemos con este relatorio e centrarnos na nosa xestión o fronte do museo nos últimos seis anos, pero quixeramos, neste primeiro apartado de antecedentes, facer unha breve referencia ás persoas que nos precederon na xestión desta casa e ás contribucións que cada unha delas fixeron desde os seus postos de responsabilidade.

A Xunta rectora

Primeiramente faremos unha referencia á Xunta Rectora do Museo un organismo que funcionou practicamente ata os anos setenta e que despois foi desaparecendo paulatinamente, a súa función de asesoramento foi asumida actualmente polo Consello Provincial de Cultura. É de xustiza mencionar esta Xunta xa que dela formaron parte un nutrido grupo de lucenses que desinteresada e decisivamente contribuíron a crear o Museo e a darlle pulo de moi diversas maneiras, algúns mesmo exercendo un xeneroso mecenado económico, e que conseguiron implicar a moitos sectores da sociedade lucense no desenvolvemento da institución que neste sentido pode considerarse, máis alá do esforzo significativo de determinados individuos, unha obra colectiva na que moitas persoas, cada unha na medida das súas posibilidades, colaboraron con eficacia e dedicación.

Etapas do Museo

Xa mencionamos a D. Luis López Martí, a quen lle coubo a honra de ser o primeiro director do Museo, e de dirixir este en estreita colaboración co que sería o seu sucesor D. Manuel Vázquez Seijas, que era o Secretario da Xunta Rectora, e tamén cos membros desta Xunta e da Comisión Provincial de Monumentos que tiña a súa sede no propio Museo, nunha etapa na que moitas persoas – que non imos nomear para evitar omisións- e sectores moi importantes da sociedade lucense se implicaron, como xa dixemos, na xestación e desenvolvemento da institución con numerosas achegas e colaboracións.

A etapa de López Martí, remata en 1948, cando accede á dirección D. Manuel Vázquez Seijas, quen a ocuparía por un espazo aproximado de tres décadas. Vázquez Seijas, probablemente é a persoa máis decisiva na traxectoria histórica do Museo, polo papel que tivo na súa creación, (el é, por exemplo, quen redacta as bases para a súa creación en 1932, ou quen escribe a primeira Guía do Museo) por ser autor e promotor de numerosas publicacións relacionadas coa institución e por ser, sen dúbida, o gran recompilador de fondos para o Museo. Nesta etapa publícanse os Catálogos de Pintura e de Escultura realizados por María Victoria Carballo-Calero.

A don Felipe Arias Vilas, Técnico do Corpo Facultativo de Conservadores de Museos, tocoulle xestionar a institución nunha etapa na que había unhas máis que evidentes carencias orzamentais e de dotación de persoal, que impuñan necesariamente para unha soa persoa unha notable carga de traballo. Arias Vilas, malia esas limitacións impulsou unha liña de traballo para adaptar o Museo as esixencias do momento, tanto desde o punto de vista da investigación, (promoveu desde o Museo prospeccións e escavacións arqueolóxicas), da conservación e da divulgación científica con ducias de publicacións, a creación do Boletín do MPL...etc. El foi tamén quen xestionou o traslado da Sección de Etnografía a San Paio de Narla e o responsable da musealización da Torre. Achegas súas como o estudo da colección de epigrafía romana, a publicación da segunda Guía do Museo, que era a primeira desde o traslado, ou o relatorio que presentou en 1975 no Congreso Nacional de Arqueología de Vitoria na que abordaba os problemas científicos e museolóxicos da Sección de Arqueoloxía deste Museo son unha referencia ineludible para a comprensión deste Museo e seguen a ter unha extraordinaria vixencia.

A etapa na que estivo ó fronte do Museo Don Xosé Trapero Pardo (1984-1991) coincide en grande parte co longo período de obras que xa mencionamos, varios anos nos que o Museo permaneceu pechado, mentres un equipo de bolseiros contratados procedía a revisar os catálogos das coleccións e proxectar a distribución das mesmas e un novo sistema expositivo. A última fase destes traballos foi coordinada por unha das integrantes deste equipo, dona Lucila Yáñez Anlló, que foi a persoa responsable do proxecto expositivo que culminou as reformas anteditas. Coincidindo coa reapertura do Museo en febreiro de 1991, Dona Lucila Yáñez é nomeada directora do Museo e permanece nesa responsabilidade ata o ano 2000. Na etapa da súa xestión, entre outras cousas, ábrese unha sala de exposicións temporais na que se desenvolve un amplo programa de exposicións en colaboración con distintas institucións, o desde Departamento de Guías e, por iniciativa destes, iníciase unha profunda transformación das actividades didácticas do Museo. Nesta etapa lévanse adiante as obras de ampliación proxectadas por González Trigo e xestiónase o depósito da colección Nelson Zúmel que pasa a ocupar dúas plantas da zona ampliada.



Os Museos dependentes da Deputación Provincial

Museo Fortaleza de San Paio de Narla

A fortaleza de San Paio de Narla foi adquirida, e salvada da demolición, pola Deputación Provincial en 1939, grazas as xestións de D. Manuel Vázquez Seijas. Desde entón o edificio sufriu en distintas etapas distintas reparacións e restauracións e estivo realmente infrautilizado ata que no ano 1983, por inciativa de D. Felipe Arias que tiña presentado na Deputación Provincial varias propostas nese sentido, xa desde os anos setenta, ábrese o Museo Etnográfico de San Paio de Narla cun proxecto de montaxe elaborado por el mesmo, trasladando á Torre boa parte dos fondos etnográficos do Museo. Con esta iniciativa a un tempo corrixíase o problema da infrautilización da edificio e gañábase espazo para dispoñer máis racionalmente as coleccións do MPL. Quedaba creado así este Museo Etnográfico que desde o momento da súa creación foi xestionado desde o Museo Provincial.

Museo Provincial do Mar

O caso do Museo Provincial do Mar de San Cibrao é diferente.Nace en 1969 e é froito da iniciativa privada de D. Francisco Rivera Casás, mestre e coleccionista de obxectos mariños. Aínda que dependeu da Deputación Provincial desde a súa creación e recibiu un presuposto anual deste organismo, a súa xestión dependeu dunha Xunta Rectora na que esttiveron representadas diversas institucións.

Debemos dicir que este Museo é tamén produto da colaboración desinteresada e do esforzo de moitos veciños de San Cibrao que como voluntarios contribuíron a súa creación e funcionamento. De feito desde o ano 2004 a Asociación de Veciños “Cruz da Venta” ocupouse da súa xestión ata que no ano 2004 o MPL, que xa colaborara na reestruturación das salas e remodelación do Museo nos anos 90, asume a súa dirección e xestión.



2. BALANCE DE XESTIÓN



No ano 1999, como consecuencia dunha excedencia laboral da ata entón directora Lucila Yáñez, prodúcese o meu nomeamento como Coordinadora de Asuntos Xerais do Museo e ó ano seguinte fágome cargo da Xerencia.

Cúmprense agora sete anos desde o meu nomeamento como Xerente do Museo. Trátase dunha etapa xa estimable para facer un balance global do traballo realizado a partir da análise da situación na que se atopaba o Museo naquel momento e dos obxectivos que nos trazamos para a nosa xestión.

Se ben é certo que nestes anos se organizaron e levaron adíante máis de dúas mil actividades de índole e contidos moi diversos, non se trata aquí de presentar datos estatísticos nin prolixas enumeracións, senón de ofrecer unha visión xeral e, quizais, un pouco esquemática por razóns de tempo. Trátase de facer un balance desde a modestia e recoñecendo, desde un primeiro momento, que na nosa xestión houbo erros e acertos, que dos erros son eu a responsable principal e os acertos hai que atribuílos ó cadro de traballadores do Museo no seu conxunto, porque se tivera que destacar algún logro nesta etapa, ese sería o feito de ter conseguido que o conxunto do cadro de persoal se implicase no funcionamento do Museo.

Fágome cargo da xestión do Museo coincidindo co cambio de século. O Museo Provincial de Lugo, a finais do século XX, seguía arrastrando algún problemas endémicos como eran e seguen a ser en boa parte os condicionamentos estruturais do edificio, a instalación dificilmente modificable dalgunhas coleccións que fai moi problemática unha exposición coherente das mesmas e o ocupación de amplos zonas do edificio por coleccións depositadas temporalmente, mentres o Museo segue a ter problemas de espazo para almacenamento e organización interna. Hai unha manifesta incapacidade espacial para almacenar debidamente a inxente cantidade de materiais que procedentes de escavacións arqueolóxicas se foron depositando no Museo, en cumprimento da normativa vixente.

Atopámonos tamén, naquel momento, cunha grave carencia de medios actualizados para desenvolver adecuadamente o traballo. Sirva como exemplo que, a esas alturas, o Museo non contaba con ningún equipo informático que funcionase, só había dúas máquinas de escribir, as carencias e deficiencias de mobiliario nas zonas de traballo eran xerais en tódolos departamentos e as condicións ambientais, de espacio, iluminación e dotación de equipamento dos postos de traballo deixaba moito que desexar.

Cando nos facemos cargo da xerencia, o encargo expreso que se nos fai desde Deputación é o de imprimir ó Museo unha liña de cambio e transformación da que podía servir como modelo e referente a renovación levada a cabo no Servicio de Guías do Museo, cando, nos anos anteriores nos tiñamos ocupado da responsabilidade de coordinar o traballo didáctico dese Servicio dentro do Museo. A experiencia deses anos de traballo supuxera unha máis que notable mellora da oferta do Museo nese eido. Tíñase elaborado unha ambiciosa programación que se vira apoiada por un gran incremento de visitas de grupos escolares ao Museo e por un recoñecemento xeneralizado da calidade do servicio ofrecido, tanto por parte dos receptores directos (os Centros Escolares), como por outros centros Museos e entidades relacionados coa actividade didáctica.

Partiamos desa experiencia e dese éxito nunha parcela concreta das actividades que un Museo debe desenvolver, para tratar de aplicar o mesmo método a outras áreas da xestión.



Un novo proxecto de xestión:



Organización interna:



Para crear un equipo de traballo sólido e coordinado era preciso que cada membro do cadro de persoal do Museo asumise conscientemente a súa función, porque só coa achega das mellores calidades de todos e cada un dos traballadores, a engrenaxe xeral do Museo podería funcionar axeitadamente.

Isto supuxo, nun primeiro momento, realizar un minucioso diagnóstico xeral sobre o estado do Museo e do seu persoal, avaliar detidamente o rendemento, os logros e as deficiencias de funcionamento dos distintos departamentos e de cada traballador en particular. Eramos conscientes de que o factor humano é o primeiro e máis grande patrimonio de calquera empresa ou centro de traballo e de que a axustada valoración e integración de cada persoa nos obxectivos de renovación que nos propoñiamos, era o primeiro paso que tiñamos que dar. Feita esta análise , era necesario crear un novo organigrama do Museo e definir claramente as funcións de cada departamento e de cada traballador, de acordo coas necesidade do centro e coas capacidades e formación do cadro de persoal. O organigrama resultante quedou establecido así:



ORGANIGRAMA 2001



Por outra parte atopabámonos co problema engadido de que unha parte significativa do persoal do Museo, debido a reestruturacións e reaxustes no cadro de persoal da Excma. Deputación, procedía doutros centros (Imprenta, Fogar de Santa María, Hospital Provincial, Parque Móbil...) e doutras funcións totalmente distintas ás que aquí tiñan que asumir (tales como cociñeiras, obreiras, maquinistas e oficiais de imprenta, limpadoras...etc.). Era preciso comezar por aclarar perfectamente cales eran as novas funcións de todo o persoal, en cada un dos seus respectivos postos, e por facilitar os medios de adaptación e formación necesarios para que cada persoa asumise a súa función e para facilitar a integración no Museo do novo persoal.

Todos estes desaxustes provocaban, en ocasións, un desigual reparto do traballo e, en moitos casos, un claro desaproveitamento das capacidades individuais e colectivas do cadro de persoal. Isto, inevitablemente, xeraba tensións e unha relación laboral pouco propicia para a consecución de bos resultados.

Os primeiros meses desde a nosa toma de posesión supuxeron un notable esforzo por coñecer, identificar e illar todos estes problemas na procura de solucións eficaces, tratando de avaliar as actitudes e aptitudes de cada persoa para proceder gradualmente á reclasificación de prazas e postos de traballo. O Museo organizou internamente cursos de formación e reciclaxe a través dos Planos de Formación da Deputación Provincial.

A través dos presupostos que fomos elaborando anualmente e que foron aprobados pola Deputación Provincial foron habilitándose fondos para acometer algunhas das tarefas máis urxentes:

—Incorporación dun sistema informático axeitado e dotación de ordenadores a todos os departamentos e postos que o necesitaban.

—Mellora e acondicionamento gradual do mobiliario e das dependencias destinadas ó traballo dos distintos departamentos.

—Contando coa nova infraestrutura iníciase o proceso de adaptación a un Sistema Normalizado de Documentación. ?

—Actualización dos catálogos das coleccións e publicación dos mesmos ( Ata o momento publicáronse os das coleccións de Reloxos, Abanos, Sargadelos, Bases,fustes e capiteis e están en proceso de edición os de Ourivería e Pintura)

—Modificase a organización da exposición dalgunhas coleccións, ben sexa dun xeito total (Ourivería, Escultura medieval en pedra...) ou parcial para adaptar novas incorporacións de pezas ou por outras necesidades.

—Xestiónase a incorporación de novos fondos fundamentalmente a través de doazóns e depósitos ( Colección Varela Dafonte, Legado do Marquesado de Ombreiro ) e puntualmente dalgunha compra. Faise un especial esforzo en crear unha colección de Artistas lucenses actuais, tarefa que se encamiña por medio dunha programación constante de exposicións destes artistas, algúns cunha traxectoria moi consolidada e outros que representan os novos valores das artes plásticas na provincia.

Proxección exterior do Museo

No que se refire á proxección exterior do Museo, á oferta que este debe presentar á sociedade e á visión global que o público debe ter da institución como servicio público, atopámonos tamén, ó inicio da nosa xestión, cunha situación manifestamente mellorable.

Propuxémonos tratar de transformar o Museo nun centro cultural moito máis aberto á sociedade, de maneira que contribuíse decisivamente a dinamizar a vida cultural da cidade e da provincia de Lugo, superando o mero papel de centro receptor e conservador de patrimonio cultural e artístico. Tratábase de proxectar e reflectir dun xeito práctico a importancia cultural dese patrimonio e de poñelo en valor para o seu uso e para o se goce por parte de sectores sociais cada vez máis numerosos.

A tarefa que tiñamos diante era, ó mesmo tempo, unha enorme responsabilidade e un desafío que acollemos, sen reservas, desde o primeiro momento. Propuxémonos afrontar esa tarefa gradualmente, sen establecer cambios traumáticos pero sen deixar de dar pasos decisivos para conseguir uns obxectivos. Ese conxunto de obxectivo quedou expresado nun lema que nese momento acuñamos e que quixemos facer real e palpable, primeiro de portas para dentro do Museo, e despois na nosa proposta cara á sociedade, para a que temos o deber e a obriga de traballar e ofrecer dignamente un servizo público. Ese lema foi: Un museo para todos entre todos.

Un pausado e colectivo proceso de reflexión levounos a concluír que tiñamos que facer especial fincapé na proxección exterior do Museo en varios aspectos fundamentais nos que viñemos centrando os nosos esforzos, como equipo de traballo, nesta etapa, entre os que destacarei para non estenderme:

—Un especial coidado nas relacións de colaboración con outras institucións culturais contemplando un amplo espectro territorial desde as locais ata as internacionais integrando o Museo nunha ampla rede cultural.

—Esa liña de colaboración comezou polos Museos de Galicia. O MPL intégrase no Consello Galego de Museos e establece proxectos de colaboración co CGAC, MPG, Fundación Laxeiro, MACUF, MARCO, Museo do Mar,... etc. Seguiu polo establecemento de lazos e proxectos en común con diversos Museos españois: (Madrid, León , Valladolid, Córdoba...) europeos (Polonia, Romenia, Italia...) e americanos (Chile) e fíxose extensiva á colaboración con outras institucións educativas e culturais (Universidades, Fundacións) colaboración que deu lugar a experiencias como a organización dos Cursos anuais de arte Galega no Museo feitos en colaboración coa Universidade de Santiago)

—Unha ambiciosa programación de exposicións, cunha alta porcentaxe de produción propia e que incluíu centos de mostras nas Salas de Exposicións temporais do propio Museo, na Sala da Deputación Provincial que se xestiona desde aquí desde a súa remodelación e inauguración en 200?, en boa parte dos concellos e Centros Comarcais da provincia e de Galicia, e tamén con puntuais saídas a outras Comunidades Autónomas e varios países de Europa e América (Ars Moenia, Antonio Murado, Mónica Alonso...)

—Prestouse unha atención permanente ós investigadores tanto a través do Departamento de Catalogación como da Biblioteca e do Arquivo. Tamén en colaboración coa Universidade de Santiago creouse o Premio Vázquez Seijas para fomentar a investigación entre a comunidade estudantil das Universidades galegas.

—Organización por parte do Museo, en solitario ou en colaboración con outras entidades de Congresos Coloquios e Xornadas ( Xornadas Pedagóxicas, Congreso Internacional sobre Murallas Romanas, Xornadas sobre Discapacidades...)

—Consolidación e renovación permanente na programación anual do Departamento de Didáctica. Creación dos Obradoiros de Verán.

—Unha oferta cultural ampla, variada, diversificada e atractiva para o conxunto da sociedade, que incluíu conferencias, presentacións de libros, programación de ciclos de cine, concertos , Semanas Culturais (Cuba, radio)...etc. e a creación da revista oral de carácter trimestral “O Pazo das Musas”

—Un traballo constante de difusión do programa de actividades a través do medios de comunicación, Internet (créase tamén a páxina web do Museo) e da edición dun Boletín Informativo bimensual, asistencia a Feiras de Turismo, etc....

—Unha coidada liña de edición de publicacións para difundir os valores do Museo e a súa oferta cultural que incluíu ó logo destes anos: A edición do órgano científico do Museo, o Boletín do Museo Provincial, cumprindo rigorosamente a súa periodicidade anual, a edición dos Catálogos de coleccións permanentes xa mencionados, da Guía do Museo Provincial, e de ducias de catálogos correspondentes as exposición temporais producidas desde o Museo. Publícanse tamén numerosos Cadernos e outros materiais complementarios das actividades didácticas, diversas monografías, os traballos premiados nas sucesivas edicións do Premio Vázquez Seijas e centos de folletos divulgativos sobre os fondos dos Museos e a súa programación de actividades.

—Unha relación fluída cos artistas lucenses que contribuíse a implicar a ese importante colectivo no traballo cultural do Museo e, ó tempo, facilitase desde aquí oportunidades de promoción e divulgación do seu labor artístico.

—Establécese contacto con todos os sectores sociais a fin de facilitar por todos medios ó acceso ó Museo e a implicación nas actividades do mesmo de todo tipo de asociacións, cunha especial atención ós colectivos de discapacitados.

O resultado desta planificación de traballo permitiunos ofrecer nestes sete anos, como xa dixen, máis dúas mil actividades, unha programación tan rica e variada como os propios fondos do museo.

Con esa traxectoria. no momento actual, podemos afirmar que a cultura interna do Museo está constituída polos principios, valores e obxectivos que nos marcamos cando no ano 2000 poñiamos a andar o noso proxecto de xestión e reorganización do Museo.

Un Museo Provincial dedicado ás Belas Artes, á Arqueoloxía , á Etnografía e ás Artes Industriais que cremos, modestamente, ten conseguido a estas alturas exercer a unha aceptable altura as funcións esixencias de calquera museo: conservación, educación e investigación. Un Museo que conseguiu ademais, cunha amplísima gama de ofertas, converterse nun centro neurálxico da actividade cultural da nosa provincia.



Autocrítica

Non esquecemos as deficiencias e as dificultades, as que tiñamos e as que van xurdindo no traballo diario e na complexidade do labor que hoxe coordinamos incorporando tamén á xestión do Museo os novos Museos da Deputación provincial. Temos moi presente os problemas de espacio ( fundamentalmente para almacenamento e traballo interno) e os fallos detectados na normalización do noso sistema documental e no funcionamento dalgúns departamentos (ou os producidos por causas alleas a vontade do persoal, como algunha baixa prolongada ou excedencias en postos especialmente importantes no traballo diario do centro).

Pensamos que a análise da evolución do Museo nestes anos, asumir eses erros e analizar a súa situación actual vainos permitir afrontar o futuro con optimismo e manter unha liña de continuidade no traballo realizado procurando remediar as deficiencias detectadas e afianzar a mellora dos aspectos máis positivos, sen perder a perspectiva de renovación e impulso de novos proxectos.





3.A XESTIÓN DOS MUSEOS DEPENDENTES DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL



Museo- Fortaleza de San Paio de Narla

Como xa se dixo o Museo de San Paio de Narla vén sendo xestionado polo MPL

desde a súa creación en 1983. Asumimos pois a súa xerencia ó tempo que a do MPL no ano 2000 e destes anos de traballo quero destacar algúns dos proxectos que levamos adiante nesta Torre de Xiá.

Realizamos nesta etapa diversas obras de consolidación e reparación do edificio, obras que incluíron o relousado do mesmo. A un tempo boa parte das pezas alí expostas foron sometidas a un proceso de restauración. O Museo permaneceu cerrado por un breve período (pouco máis de un mes) e abriuse de novo ó público, despois dun replanteamento expositivo das súas coleccións, no me de ....... de 2003 ?

No día de hoxe esta prevista unha visita cultural a este centro e todos vostedes terán a oportunidade de coñecelo, se así o desexan.

Durante estes anos no Museo de Narla veuse mantendo un programa de actividades didácticas que se vén mantendo e renovando desde que se puxeron en marcha as actividades no MPL e tamén tiveron lugar alí varias actividades encamiñadas a dar a coñecer o Museo no se contorno inmediato e no resto da provincia, entre elas houbo obradoiros de artesanía, e unha programación anual de actividades no Día Internacional dos Museos para a que se facilitou transporte gratuíto desde a cidade de Lugo.

Museo Provincial do Mar de San Cibrao

O Museo de San Cibrao está situado nunha comarca, A Mariña, que ten unha especial relevancia económica e turística no conxunto da provincia. Por ese motivo desde o momento en que asumimos a súa xestión no ano 2004, tratamos de iniciar nel un programa de traballo que permita situar o Museo como un punto de referencia entre os recursos culturais do norte da provincia.

Dende o Departamento de Catalogación do MPL temos garantida a actualización e normalización do catálogo dos seus fondos, no propio Museo contamos hoxe con persoal de Vixilancia e de Didáctica que garante a seu funcionamento de cara ó público. Estamo polo tanto no bo camiño para consolidar o Museo Provincial do Mar como un verdadeiro Museo e non unha simple colección visitable.

Estamos a impulsar, especialmente no último ano e nos meses de verán un programa específico de actividades, á parte das propiamente didácticas que se viñeron facendo xa dende o 2004 co apoio e supervisión dos Departamentos de Catalogación e de Didáctica. Esta ano por exemplo programamos obradoiros de Arqueoloxía para nenos, concertos de música, obras de teatro e puxemos a andar, cunha gran participación de público unha revista oral específica para este Museo “A vos dos carraos”

Pazo de Tor

O 13 de xullo de 2006 abrimos ó público o Pazo de Tor. Un edificio que viñemos xestionando tamén desde o ano 2004. Xa antes a Técnica Bibliotecaria do MPL realizara un inventario da súa Biblioteca e posteriormente procedeuse tamén por persoal do Museo á catalogación do seu Arquivo. O Departamento de Catalogación está a traballar nun catálogo definitivo das súas coleccións artísticas e etnográficas.

A Deputación Provincial, que recibiu esta propiedade en legados testamentario da súa última propietaria dona Paz Taboada, realizou importantes obras de acondicionamento do edificio. Dende o Museo ocupámonos da limpeza, consolidación e restauración do mobiliario e das pezas de valor artístico e etnográfico que o precisaban e tamén de elaborar un proxecto expositivo , tendo en conta que este quedaba moi condicionado por determinadas especificacións do legado que impoñían non alterar substancialmente a disposición do mobiliario e a distribución dos enseres e obras artísticas que estaba establecida en vida da última propeitaria.

Nestes últimos anos fixéronse dende o MPL varios folletos divulgativos sobre a historia e contidos destes tres centros museísticos dependentes da Deputación Provincial





4. NECESIDADE E FORMULACIÓN DUNHA REDE PROVINCIAL DE MUSEOS



Despois do que acabamos de expoñer cre que non é necesario afondar máis nos antecedentes da Rede Museística Provincial. Atopámonos coa realidade de que nos últimos anos viñemos xestionando desde o MPL un conxunto de catro centros de titularidade provincial. A propia realidade veu a condicionar e a impoñer na práctica a necesidade da creación dunha Rede Provincial de Museos.

¿Que entendemos por Rede?

A bibliografía e a información sobre as Redes de Museos medra de día en día e a constitución deste tipo de organismos aumenta tamén respondendo a cuestións de operatividade e optimización de recursos.

A nós parécenos moi axeitada a definición do concepto de rede que achega, por exemplo, Pilar Caldera cando escribe sobre a experiencia da Rede de Museos de Estremadura e fundamenta a existencia da mesma na racionalización da xestión.

Entre outras cousas afirma Caldera que a RME configúrase como un nexo de unión e complementación, un espazo de traballo conxunto onde aunar criterios, perspectivas e obxectivos procurando a máxima rendabilidade cultural.

A rede facilita a coordinación de recursos básicos, ademais as redes son unha oferta cultural, educativa e turística de gran potencia que xustifica o seu interese social. Neste caso o grupo non é a suma das partes senón moito máis: as posibilidades que cada parte abre nas demais, multiplicando exponencialmente o seu alcance nun sistema de vínculos que dinamiza interminablemente os recursos, as ofertas e os coñecementos.

En resumo, partimos de que temos catro centros e a necesidade de coordinalos. Partimos tamén de que un deles é un Museo Provincial con case 75 anos de historia e que conta hoxe cun cadro de persoal e unha estrutura organizativa que lle permite prestar ós outros centros determinados servizos e asumir funcións que os outros centros, polas súas dimensións e características non poden abordar na práctica.

Esa é a orixe e a motivación que fai que , a proposta do MPL, a Deputación Provincial decida crear o pasado mes de xuño a Rede Museística Provincial, e a establecer, tamén a proposta do MPL, un novo organigrama da Rede e do Museo no que se reflicte a creación de novos departamentos para organizar os recursos humanos de maneira que se poda afrontar unha xestión eficaz da rede constituída.



ORGANIGRAMA 2006



A RMP nace coa vocación de facer dos catro centros integrados nela, verdadeiros museos para o século XXI, organismos integrados na sociedade que contribuíu a crealos e de quen deben estar ó servizo.

Museos adaptados ós tempos, asumindo que vivimos nunha sociedade tecnolóxica , da que se deben aproveitar a inmensas posibilidades que os continuos avances xeneran pero sen esquecer que estas institucións deben manter os pés na terra e estar fondamente arraigados no ámbito territorial no que se orixinaron. Uns museos que deben converterse nunha referencia cultural de primeira orde nas comarcas nas que se asentan.

A creación da Rede vai facilitar sen dúbida unha mellor tutela do noso patrimonio, unha mellor organización documental, unha mellor organización da comunicación e da información da actividade de todos e cada un dos seus centros.

Tampouco debe desbotarse a importancia que pode ter como revulsivo de desenvolvemento turístico sociocultural e mesmo económico das respectivas comarcas.

Con motivo da creación do Museo de Narla, Felipe Arias escribía no BMPL no ano 1984: O Museo de Narla pode e debe cumprir unha función de Museo Comarcal, tan importante hoxe en día e tan necesaria culturalmente, sempre que se cumpran unhas garantías mínimas de seguridade, conservación, mantemento e actividade e non obedezan ó capricho político ou á pretensión electoral da autoridade de turno. Isto vén a ser singularmente interesante nunha comarca como a Centro-Oeste da provincia de Lugo, tan rica en patrimonio e paradoxicamente tan escasa en motivacións e accións socio-culturais e mesmo turísticas.

Asumimos plenamente esas formulacións . Cremos que a rede pode e debe favorecer que cada un dos Museos integrados desenvolva no seu ámbito esas funcións e agardamos que así sexa no futuro. Trataremos de poñer todos o medios posibles para acadar ese obxectivo.

Comentarios

Entradas populares de este blog

UN BERRO POLA LINGUA GALEGA- MEMORIA LETRAS GALEGAS 2009

Botella Ao Mar Domingo, 17 de maio de 2009: Día das Letras Galegas        Horario de apertura: De 11:00 a 14:00 horas “ Un museo cheo de libros ”. Para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado este ano a Ramón Piñeiro, a persoa visitante poderá levar para a súa casa un libro en galego (ata fin de existencias), un agasallo escollido   entre os fondos editados polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.          Contacontos 12:00 h: O espectáculo da palabra ,   por Cándido Pazó          Visita guiada 16:00 h:   Visita guiada para os integrantes do grupo “ Museos e turismo, unha viaxe polos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo ”        Luns, 18 de maio de 2009: Día Internacional dos Museos        Horario de apertura: De 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h        Haberá agasallos para as persoas visitantes que se acheguen ao museo nesta data.         Botella ao mar De 18:00 a 20:00 h: Obradoiro literario a cargo de Paco Rivas . Todas as mensaxe

Juegos infantiles en un cuadro de Brueghel por Remedios Torres

Juegos infantiles en un cuadro de Brueghel por Remedios Torres A partir del cuadro de Pieter Brueghel titulado “Juegos de niños” podemos realizar innumerables actividades muy gratificantes porque el juego siempre motiva a nuestros niños y niñas. Y sobre todo trabajamos la coeducación analizando críticamente el cuadro. Esta actividad se está llevando no sólo en Educación Infantil sino también en Primaria, porque se trata de una experiencia que “atrapa” a quien la conoce. Y además es muy positiva porque además incluye juegos y canciones del folclore infantil andaluz. Ese material popular que se va perdiendo poco a poco y que si no lo recuperamos y ponemos en práctica dentro de nada será historia. Y como bien decía el Doctor Pourtois el Folclore es el alma de cualquier tribu, pueblo o nación. No perdamos una parte de Andalucía. Palabras clave Juegos Popular Andalucía Coeducación Reparto de tareas Canciones Cuento Adivinanzas Imaginación Creati