CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA
VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES
25 de novembro de 2009
“Contra a violencia sexual sobre as mulleres con discapacidade”
O Grupo de Mulleres de COGAMI alza a voz, hoxe, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para manifestar a súa repulsa a toda forma de violencia á que son sometidas miles de mulleres no mundo e no noso país.
A violencia cara as mulleres deriva dunha configuración social que responde a ideas de dominio dos homes sobre as mulleres. No caso das mulleres con discapacidade, ademais, xúntase a discriminación por razóns de discapacidade, dando lugar a formas de violencia de xénero máis complexas e non sempre recoñecidas.
Unha das máis comúns é a violencia sexual e sen embargo é tamén unha das máis invisibles na nosa sociedade. Ante esta situación as mulleres con discapacidade ESIXIMOS:
· Que se visibilice a violencia sexual que sofren as mulleres con discapacidade, en moitos casos a mans do seu contorno máis próximo, familiares e persoas coidadoras.
· Que se fomenten as campañas de sensibilización e información sobre violencia sexual dirixidas ás propias mulleres con discapacidade, así como ós seus familiares e profesionais dos servizos sanitarios e de atención ás vítimas destes delitos.
· Que se establezan os mecanismos axeitados na acollida, asesoramento, orientación e acompañamento de mulleres con discapacidade vítimas de violencia sexual, poñendo en marcha, ademais, canles de denuncia e recursos especializados en atención e orientación ás vítimas (casas de emerxencia, acollida, pisos tutelados...) que cumpran as condicións de accesibilidade universal.
· Que se realicen estudos específicos nesta materia.
· Que se equiparen os casos de violencia sexual ós episodios de malos tratos físicos e psicolóxicos na lei 1/2004 de 28 de decembro de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.
Toda forma de violencia que se exerce contra as mulleres polo simple feito de selo é unha expresión de dominación ideolóxica que debe ser desterrada definitivamente. Para as mulleres con discapacidade esta loita non remata aquí, senón que continúa coa denuncia de toda forma de discriminación que se produce ademais pola propia discapacidade.
Por todo isto só cando sexamos capaces de percibir a verdadeira complexidade na que desenvolven o seu día a día as mulleres, sen exclusións nin prexuízos, estaremos en condicións de aunar esforzos para crear unha sociedade verdadeiramente igualitaria, xusta e democrática para todas e todos.
¡POR UNHA SOCIEDADE LIBRE DE VIOLENCIA CONTRA TODAS AS MULLERES!
Comentarios
Publicar un comentario