No Nadal decoramos as casas e as rúas con árbores e nacementos, cantamos vilancicos e recibimos regalos do Pai Nadal e dos Reis Magos. Todas estas tradicións teñen unha orixe e, como no museo somos moi curiosos, tiramos do fío, investigamos e descubrimos que en Galicia, en Noiteboa, era costume queimar unha gran póla de carballo na lareira mentres se ceaba e cantaba. Mantíñase o lume aceso toda a noite para pola mañá recoller as cinsas e o tizón, que se gardaba todo o ano como talismán de boa sorte e lograr, deste xeito, que as colleitas fosen boas durante o ano e para espantar as tormentas e os males. Nós xa preparamos un caldeiriño no que gardar o noso tizón. Gústavos?