Os museos da Rede Museística Provincial, dependentes da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, foron galardoados nos V Premios Solidarios da ONCE-Galicia na categoría de Accesibilidade Universal. O xurado destacou o programa Pelexamos polo posible, loitamos polo visible que, dende 2008, desenvolven os catro museos que conforman a Rede e no que se amosa un importante labor de sensibilización e esforzo ao levar adiante un paquete integral de actuacións de accesibilidade nos edificios dos museos, así como tamén a normalización da participación do colectivo de persoas con discapacidade en todas as actividades programadas pola Rede. A entrega deste premio vai ter lugar mañá xoves, día 2 de febreiro , ás 20:00 horas no Hotel NH Atlántico da Coruña , acto ao que contará coa presenza de Mario Outeiro, deputado-delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, e Encarnación Lago, xerente da Rede Museística.