Ir al contenido principal

Sábado Día 18 ENCARNA LAGO REALIZARÁ LA PRESENTACIÓN DEL NUEVO PROYECTO MUSEOLÓGICO Y MUSEOGRÁFICO DEL MUSEO PROVINCIAL DEL MAR

CONTIDO DO MUSEO DO MAR: Os facedores de mundos
            San Cibrao é terra de mar. É unha península, unha lingua de terra que sae sen medo ó encontro do mar. Duro, perigoso, bravo, escravo..., mais tamén unha porta aberta a novos mundos. Mundos descoñecidos, cheos de historias para ser contadas...
O noso Museo do Mar garda o reflexo da memoria do seu pobo, e é, sen dúbida, o seu mellor narrador.

SECCIÓNS:
O museo distribúe os seus contidos en catro salas e sete seccións temáticas.

ENTRADA E SALA 1:
0. A ESCOLA: Un museo de todos, para todos. O LATEXO DO MUSEO: motor do barco e arquivo fotográfico.
SALA 2:
1. A CARPINTERÍA DE RIBEIRA, O CASO DE SAN CIBRAO.
2. TIPOLOXÍA DE BARCOS A VELA CONSTRUIDOS EN SAN CIBRAO.
3. A ARTE DE MAREAR: BUSCANDO O NORTE. Os instrumentos náuticos e a navegación astronómica.
SALA TRES:
4. OS OFICIOS DO MAR.
5. HISTORIA DA PESCA EN SAN CIBRAO: ARTES E APARELLOS DE PESCA.
6. A VIDA MARIÑA, ALGO MÁIS CA PEIXES.
SALA CATRO:
7. OS CAZADORES DE BALEAS.


O MUSEO QUE QUEREMOS
A cultura é unha experiencia interactiva e o museo é un medio de comunicación co público. Por iso, o Museo do Mar de San Cibrao quere chegar a ser un modelo de museo accesible, aberto a tódolos sentidos, inclusivo e con plena atención á diversidade, capaz de eliminar tódalas barreiras de comunicación cos seus visitantes. Queremos facer del un museo didáctico, adaptado, un museo social, interactivo e dinámico, en definitiva, un museo do futuro, vivo e humano.
             



ENTRADA E SALA 1
Sección 0: A escola. Un museo de todos, para todos.
O edificio que alberga o museo naceu para ser escola de San Cibrao no ano 1931, gracias á doazón de D. José Mª Montenegro e da súa muller Dna. Manuela Goñi Maíste, emigrantes na Arxentina.
O edificio, de pedra de granito, quedou dividido en dúas alas, unha destinada á escola de nenos e a outra á de nenas.
No 1969, o mestre, D. Francisco M. Rivera Casas, e 34 dos seus alumnos convertiron as “Escolas Vellas” nun museo. Entre todos levaron a cabo un traballo de recompilación de obxectos mariños, que constitúen unha parte esencial dos fondos cos que conta actualmente o Museo do Mar.
Desde o ano 1994, o museo estivo xestionado pola Asociación de Veciños “Cruz da Venta”. A Deputación Provincial de Lugo, a través do Museo Provincial de Lugo, tomou o relevo na dirección no 2004. Hoxe, é un dos catro museos que conforman a Rede Museística Provincial.
O latexo do museo:
No espazo contiguo á entrada, atopamos un motor a vapor que simboliza o corazón do museo, o latexo rexenerador que alimenta a memoria e nos empurra cara adiante. O arquivo fotográfico que se mostra nesta sala serve de testemuño do antergo vencello de San Cibrao co mar, como un diario de a bordo da súa memoria.


SALA 2:
Sección 1.- A CARPINTERÍA DE RIBEIRA, O CASO DE SAN CIBRAO.
San Cibrao conta desde antigo cunha longa estirpe de facedores de barcos. Xa no s. XIV dicen que se construían carabelas nas súas ribeiras (Amor Meilán, “Geografía del Reino de Galicia” (1933).
Aínda que o seu periodo de maior esplendor veu da man da posta en marcha do complexo industrial de Sargadelos a finais do s. XVIII. Nos asteleiros de San Cibrao construíanse embarcacións a vela de grande porte para as rutas máis longas, principalmente goletas e bergantíns (por ex., a goleta Sargadelos), e embarcacións con menor capacidade de carga, coma quechemaríns, faluchos ou pataches, para desprazamentos máis curtos. Para a pesca facíanse grandes embarcacións de remo, coma os traiñóns ou as chalupas, que se empregaban tanto para a caza da balea coma para a pesca da sardiña.
Os carpinteiros de ribeira buscaban nas fragas ás árbores que máis se axeitaban a cada unha das pezas do barco. Empregábase principalmente a madeira de carballo, máis resistente, para o esquelete do barco (a quilla e as cuadernas), e a de piñeiro ou eucalipto, pola súa flexibilidade, para os banzos do casco.
Na sala podemos ver algunhas das ferramentas que os carpinteiros empregaban para estes traballos, como por exemplo serras,  cepillos ou garlopas ara desbastar e alisar a madeira; aixolas, formóns ou trenchas, gubias,  berbiquís e barrenos para furar, etc. Aparellos para calafatear o casco (mazo e ferros).
A introducción do ferro para a construcción de barcos de carga de maior tonelaxe, conduciu ó declive destas carpinterías, cuxa actividade se viu reducida á construcción de pequenas embarcacións de pesca e á realización de reparacións. Tiveron unha nova época de esplendor na década dos 60 do século XX, coa eclosión da pesca do bonito.
Contamos na sala con embarcacións das tipoloxías que saían dos asteleiros de San Cibrao, algunhas delas de grande importancia na historia da vila, como é o caso da goleta Sargadelos ou o Industrial de Cipriano Ponte.


Sección 3.- A “arte de marear”: mirando ó Norte. Os instrumentos náuticos e a navegación astronómica.
Nos albores da Idade Media, a navegación constituía unha verdadeira arte, a “arte de marear”.  Desde a introducción da agulla náutica ou agulla de marear[1] no s. XIII,  o método empregado foi a navegación a estima, que tomaba o rumbo e a velocidade como única referencia para determinar a posición aproximada do barco. Estas medicións eran trasladadas ós portulanos ou cartas portulanas, predecesores das actuais cartas náuticas, e que se empregaron ata os ss. XVI e XVII para determinar os rumbos máis axeitados a seguir durante a navegación. A exactitude da navegación a estima era escasa e insuficiente para as viaxes máis longas.
A principios do s. XIV, a combinación da agulla magnética coa rosa dos ventos[2] da lugar ó compás náutico, instrumento esencial para a navegación ata case os nosos días. O conxunto completarase coa bitácora, cuxa finalidade inicial era a de protexer o compás das condicións meteorolóxicas adversas e proporcionarlle estabilidade para facilitar a lectura dos rumbos.
            A evolución construcción naval e a aplicación da ciencia á navegación (matemáticas, astronomía,…), fan do s. XVI a Idade de Ouro dos descubrimentos. Pásase da navegación a estima á navegación astronómica, que se basea na observación directa da posición dos astros, para determinar con precisión as coordenadas da posición do barco (lonxitude e latitude) nas navegacións de altura, nas que a costa deixa de ser un punto de referencia fiable.
Mellóranse instrumentos xa coñecidos desde a época medieval, como o astrolabio, a ballestilla ou o cuadrante, e aparecen outros novos coma o octante ou o sextante (s. XVIII), que se usaban para tomar medicións angulares da altura do Sol ou da estrela polar ó seu paso polo meridiano con respecto do horizonte, para o cálculo da Latitude (N – S).
A determinación da lonxitude (E – W) foi o punto feble da navegación ó longo de toda a Idade Moderna, só se puido calcular con exactitude coa invención do cronómetro náutico no s. XVIII.

Os naufraxios.
Nesta sala tamén temos reservado un espazo importante para o patrimonio subacuático. Unha boa parte dos vestixios da humanidade atópanse no fondo do mar.
Algunha das testemuñas máis senlleiras que atoparemos no museo proveñen do naufraxio acontecido en augas da ría de Viveiro, no contexto das Guerras Napoleónicas, a madrugada do 2 de novembro de 1810, no que se foron a pique a fragata Magadalena e o bergantín Palomo por mor dunha forte galerna.
Na traxedia morreron máis dun milleiro de persoas, moitas delas enterradas nas mesmas dunas  da praia de Covas.




SALA TRES:
4. OS OFICIOS DO MAR.
5. HISTORIA DA PESCA EN SAN CIBRAO: ARTES E APARELLOS DE PESCA.
6. VIDA MARIÑA: ALGO MÁIS CA PEIXES.
Os ritmos socioeconómicos da Mariña veñen condicionados polo ritmo das mareas. As pezas expostas nesta sala son instrumentos que as sociedades litorais foron desenvolvendo na súa relación directa co mar. Froito desta adaptación ó medio xorden oficios directamente vencellados ás labores de extracción do peixe, á elaboración e procesamento do mesmo ou á súa comercialización.
A pesca pasou de ser unha ocupación complementaria da agricultura a converterse no eixo vertebrador ó redor do cal se artellou a economía local. A actividade pesqueira xenerou ó seu redor unha serie de oficios (carpinteiros, cordeleiros, toneleiros, peixeiras, redeiras, etc..), que de xeito directo ou indirecto, ocuparon a unha importante porcentaxe da poboación.
Ata principios do s. XX, a sardiña foi a protagonista. Daquela, existían en San Cibrao tres fábricas de salgadura. Pero xa a partir dos anos 30, o bonito empezou a cobrar importancia. Nos anos 60, San Cibrao era, despois de Burela, o porto da provincia con máis embarcacións boniteiras. Nestes anos, a comarca viviu una crise no sector pesqueiro, polo que moitos mariñeiros cambiaron a pesca pola navegación comercial, a mariña mercante.
Nesta mostra incluímos algunhas das artes de pesca empregadas polos mariñeiros de San Cibrao ó longo da súa historia.
Neste espazo va a chamar especial atención dúas pezas:
*      Un traxe de augas completo, de tres pezas (casaca, pantalón faenero e gorro), elaborado ó xeito tradicional, con liño “encascado”.
*      Un traiñón ou chalupa baleeira de 3 m. de eslora, aparellado con dúas velas.
Nesta sala é ineludible referirse ó obxecto directo destes traballos: os froitos do mar. Incluímos na mostra unha variada representación da fauna mariña, principalmente, pezas da colección de malacoloxía (un 70 % do total dos fondos do museo), esqueletes totais ou parciais de animais mariños, animais desecados (tartarugas), corais, fósiles, algas, etc.



 SALA CATRO:
Sección 7.- OS CAZADORES DE BALEAS
Os restos óseos das baleas son as protagonistas desta sala. Foron recollidos nas inmediacións das praias de San Cibrao, en especial na de Cubelas, nas que se procesaban os cetáceos cazados nos ss. XVI-XVII.
Xa no s. XX, a caza da balea volveu a ser unha fonte de recursos destacada para a economía de local. A familia Massó, unha das principais sagas conserveiras de Galicia, instalaron unha das súas factorías baleeiras en Morás (Xove).

A caza da balea é unha tradición vasca, que guipuscoanos e biscaíños trouxeron ata as nosas costas alá polo s. XIV.
En Galicia, a industria baleeira tivo o seu apoxeo entre os ss. XVI e XVII. As bases baleeiras de meirande importancia localizábanse na Mariña Lucense, nos portos de Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao e Bares.
O sistema de caza tamén foi importado da tradición vasca:
“Mátanas da seguinte maneira: sóbese unha atalaia á punta dunha serra que cae sobre o mar e de alí ven de lonxe saltar gran cantidade de auga para arriba facendo moita escuma, e cando a balea ten a metade do corpo fóra da auga, a atalaia dá aviso ós mariñeiros, os cales armando as súas barcas e poñendo dentro moita cantidade de cordas e nos cabos atados uns dardos arpoados vanse a elas, e tirándolles como se senten feridas van logo moi bravas mar a dentro; levando metidos aqueles arpóns e os pescadores dándolles sempre corda séguenas ata que xa desangradas e perdida aquela furia tráenas tirando delas ata terra, onde facendo grandes lumes sacan delas moito aceite”.
(Bartolomé Sagrario de Molina, Ldo. Molina, Descrición del Reino de Galicia y de las cosas notables del)
As chalupas galegas medían entre 6 e 8,5 m. de eslora e portaban dous paus coas súas correspondentes velas, e a súa tripulación estaba formada por oito ou nove homes.
Unha vez morta, a balea era trincada (atada) entre varias embarcacións e levada ata terra para o seu despezamento. Para tal fin usábanse diferentes tipos de coitelos, como os que podemos ver na sala (trinchante, coitelos de man, machetas, coitelos a dous fíos, etc.).
A graxa da balea ou saín era derretida en grandes caldeiras, para despois ser envasada en barricas para a súa comercialización, especialmente como combustible para as lámpadas. Co tempo fóronselle atopando novos usos: facíase margarina, xabóns, vernices, empregábase en perfumería e en farmacia, etc.
Coas barbas da balea, ou fanóns, facíanse variñas para paraugas, corsés ou abanos, bucinas, etc. Da cabeza do cachalote extráese o espermaceti ou esperma de balea, un fluído que antigamente se usaba como aceite de buxías e na actualidade serve para a elaboración de cosméticos e productos farmacéuticos.
Entre finais do s. XVII e principios do XVIII produciuse a decadencia definitiva da caza da balea nas nosas costas. Non sería ata 1965 cando as baleas voltarían a cobrar protagonismo na vida de San Cibrao, cando a empresa conserveira Massó instalou unha das súas factorías no Portiño de Morás (Xove). A factoría contaba cunhas modernas instalacións que permitían o completo procesado da balea, para a obtención e envasado de aceites e fariñas, e tamén para a preparación da carne para o consumo. As capturas efectuábanse desde barcos baleeiros, coma o “Carrumeiro” ou o “Cabo Moras”, armados con canóns arpoeiros armados na súa proa.
Pechou as súas portas no 1976, pouco antes da declaración da moratoria internacional á caza comercial de baleas (1986).


             



[1] Sempre sinala o N magnético da Terra.
[2] Disco no que viñan marcados os 32 rumbos, cuartas ou ventos, posibles na navegación.

Comentarios

Entradas populares de este blog

UN BERRO POLA LINGUA GALEGA- MEMORIA LETRAS GALEGAS 2009

Botella Ao Mar Domingo, 17 de maio de 2009: Día das Letras Galegas        Horario de apertura: De 11:00 a 14:00 horas “ Un museo cheo de libros ”. Para conmemorar o Día das Letras Galegas dedicado este ano a Ramón Piñeiro, a persoa visitante poderá levar para a súa casa un libro en galego (ata fin de existencias), un agasallo escollido   entre os fondos editados polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.          Contacontos 12:00 h: O espectáculo da palabra ,   por Cándido Pazó          Visita guiada 16:00 h:   Visita guiada para os integrantes do grupo “ Museos e turismo, unha viaxe polos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo ”        Luns, 18 de maio de 2009: Día Internacional dos Museos        Horario de apertura: De 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h        Haberá agasallos para as persoas visitantes que se acheguen ao museo nesta data.         Botella ao mar De 18:00 a 20:00 h: Obradoiro literario a cargo de Paco Rivas . Todas as mensaxe

Juegos infantiles en un cuadro de Brueghel por Remedios Torres

Juegos infantiles en un cuadro de Brueghel por Remedios Torres A partir del cuadro de Pieter Brueghel titulado “Juegos de niños” podemos realizar innumerables actividades muy gratificantes porque el juego siempre motiva a nuestros niños y niñas. Y sobre todo trabajamos la coeducación analizando críticamente el cuadro. Esta actividad se está llevando no sólo en Educación Infantil sino también en Primaria, porque se trata de una experiencia que “atrapa” a quien la conoce. Y además es muy positiva porque además incluye juegos y canciones del folclore infantil andaluz. Ese material popular que se va perdiendo poco a poco y que si no lo recuperamos y ponemos en práctica dentro de nada será historia. Y como bien decía el Doctor Pourtois el Folclore es el alma de cualquier tribu, pueblo o nación. No perdamos una parte de Andalucía. Palabras clave Juegos Popular Andalucía Coeducación Reparto de tareas Canciones Cuento Adivinanzas Imaginación Creati